- O proxecto, que supera os 2 millóns de euros, permitirá recuperar máis de 4.000 m² para crear un gran espazo público accesible e verde que conectará diversas rúas do casco urbano, con zonas de auga, sombra e xogos cubertos
- A Deputación de Pontevedra escolle ao Porriño para presentar os proxectos que se están a executar noutros cinco concellos da comarca a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra
O Porriño, 17 de novembro de 2025.- O Porriño converteuse esta tarde no punto de encontro de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal de seis concellos que integran a comarca de Vigo —O Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior— nun acto no que a Deputación de Pontevedra expuxo o carácter estratéxico e transformador dos proxectos que se están a executar ao abeiro do Plan Extra.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, deu a benvida a tódolos presentes e falou do Porriño como claro exemplo de transformación, futuro, colaboración, progreso e espazos que unen ás persoas. “É para min unha enorme satisfacción darvos a benvida hoxe aquí, na rúa Pío XII, un espazo que está a vivir unha transformación histórica para O Porriño e que simboliza perfectamente o que hoxe queremos compartir: proxectos que melloran a vida das persoas e fan das nosas localidades lugares máis humanos, sostibles e modernos”. Pola súa parte, o presidente da Deputación, Luis López, salientou o compromiso do ente provincial coa financiación das actuacións en todos estes concellos e destacou o papel decisivo que teñen estes á hora de definir as obras que mellor responden ás necesidades da súa veciñanza.
No marco deste acto, o Concello do Porriño presentou o proxecto do “Novo espazo público no entorno de Pío XII”, unha intervención chamada a transformar o centro urbano do municipio e que supón unha das actuacións máis relevantes dos últimos anos. Cun orzamento total de 2.076.926,24 euros, a obra estrutúrase en 1.740.703,82 euros destinados á execución dos traballos, actualmente en fase de licitación, e 336.222,42 euros dirixidos á adquisición das parcelas que permitirán ampliar a superficie pública. A Deputación financia o proxecto con 1,1 millóns de euros a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, facendo posible a recuperación e apertura dunha gran praza interior ata agora fragmentada e de uso limitado.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou no acto que este proxecto marcará un antes e un despois no deseño urbano da vila. “Estamos diante dunha intervención que cambia realmente o Porriño. Recuperamos máis de 4.000 metros cadrados que durante anos foron parcelas privadas ou espazos residuais, para convertelos nun gran parque urbano, accesible, cheo de vida e pensado para todas as xeracións. É unha aposta pola calidade de vida e polo futuro do noso municipio”, afirmou. Lorenzo agradeceu tamén o respaldo da Deputación, destacando que “a colaboración institucional permite que proxectos que levaban décadas agardando se convertan hoxe en realidade”.
O novo espazo público completará a rehabilitación do Parque de Fontevella, actualmente en execución, e conectará coa rúa Antonio Palacios e tamén coa avenida Domingo Bueno, configurando un eixo urbano continuo, verde e peonil. O proxecto integra ademais o Centro Social, abrindo o equipamento ao novo ámbito e facilitando un acceso máis amable ás persoas maiores, principais usuarias do edificio.
A proposta introduce elementos pensados para o uso ao longo de todo o ano, como un parque infantil cuberto situado en dúas cotas, unha zona de sombra e descanso aproveitando o arborado existente, un anfiteatro exterior integrado na topografía para actividades culturais, e varias zonas de auga con chorros e pequenos canais destinadas ao xogo e refresco sobre todo dos máis pequenos.
O alcalde porriñés foi máis alá e fixo mención de proxectos futuros para os cales se solicitará a axuda de Deputación da Pontevedra. “A rexeneración urbana de Torneiros, a renovación do velódromo municipal, único en Galicia, sen esquecernos dunha gran prioridade para nós, como son as parroquias, mellorando os servizos básicos como son o saneamento e o acondicionamento de viais”. Neste sentido, tamén se expresou o presidente provincial, “escoller O Porriño para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou para contextualizar a celebración deste encontro nun concello do interior que é un dos motores económicos da provincia e que será tamén un dos beneficiados do esforzo investidor que deixará o vindeiro ano 128 millóns de euros nos concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra.

