- A iniciativa foi presentada nunha charla no salón de plenos e dende hoxe celebrarase esa mesma sesión informativa en tódalas parroquias do municipio
O Porriño, 11 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de celebrar a primeira das charlas informativas dirixidas á veciñanza sobre a nova campaña de residuos, incluída no plan integral municipal que promove a recollida separada, a compostaxe e o fomento da economía circular.
Durante a sesión, celebrada onte no salón de plenos, persoal técnico explicou en detalle as principais novidades do plan, que abrangue catro liñas estratéxicas: a posta en marcha do colector marrón para materia orgánica, a recollida de aceite doméstico usado, a recollida de téxtil e o programa de compostaxe doméstica e comunitaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou “a importancia de contar coa colaboración da cidadanía neste cambio de modelo”, sinalando que “un Porriño máis limpo e sostible constrúese entre todos, con pequenos xestos diarios que teñen un gran impacto ambiental e económico”.
As charlas, que terán continuidade a partir de hoxe mesmo, por tódalas parroquias pretenden achegar información práctica, resolver dúbidas e fomentar a implicación da veciñanza no novo sistema de recollida. Así, este serán, ás 20.00 horas, celebrarase na Asociación A Forna de Budiño e o venres, ás 19.00 horas terá lugar no Centro Cultural de Mosende. Para a vindeira semana, o luns 17, ás 20.00 horas, celebrarase en Chenlo; o martes 18, ás 17.00 horas, en Pontellas e ás 19.30 horas en Atios e o venres 21, ás 19.00 horas en Cans. Xa na última semana de novembro, está programada unha charla o venres 27, ás 19.00 horas, no Centro Cultural Alba de Torneiros.
O Concello anima a toda a veciñanza a participar nestas sesións para coñecer de primeira man as medidas que se están a poñer en marcha e contribuír á mellora da xestión dos residuos no municipio.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, en colaboración coa consultora galega Permae, responsable da execución técnica das campañas.

