Finalmente o Concello do Porriño non terá que mercar ordenadores portátiles pero si, en cambio, 260 ‘pen drives’ (“pinchos”) de conexión á Internet para outros tantos alumnos de institutos e colexios da vila para que poidan ter acceso ao ensino por vía telemática e rematen o curso en igualdade de condicións cos seus compañeiros. Así determinouse hoxe na segunda reunión que celebraron os directores dos centros docentes do Porriño e Lourdes Moure, concelleira de Educación.

Unha vez identificadas as necesidades, renunciouse a mercar ordenadores por que cos existentes nos centros docentes da vila pódese atender á demanda de nenos e mozos que carecían deles nos seus fogares. Pola contra, é perentoria a necesidade de procurarlles conexión coa Rede para que poidan incorporarse ao ensino “on line” que están a continuar os seus compañeiros.
O Concello solicitou presuposto a varios provedores para determinar custes da adquisición deses 260 ‘pen drives’ con conexión a Internet por 3 meses.

Por outra banda nesta reunión de hoxe tamén acordouse que coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello, os centros docentes entregarán aos pais, nais e titores dos alumnos o material de ensino e libros deste terceiro trimestre do curso que non se retiraron pola suspensión das clases dende o 16 de marzo. Por cada centro docente, dacordo co Concello, determinaranse datas e horas de entrega dese material.