- A actuación, cun investimento de 150.000 euros, forma parte do plan de modernización dos polígonos industriais do municipio para o cal conta coa axuda da Xunta de Galicia, comprometida cos Concellos Emprendedores
- O proxecto permitirá reforzar a seguridade do tráfico e optimizar a circulación nesta zona empresarial do Porriño
O Porriño, 5 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño está a acometer obras de mellora da seguridade viaria no Polígono Industrial da Granxa, un proxecto incluído na liña de axudas da Consellería de Economía e Industria para a modernización dos parques empresariais galegos.
Esta actuación, cun investimento de 150.000 euros, súmase ás obras que tamén se están a executar no Polígono das Gándaras, completando así o plan municipal de mellora das infraestruturas industriais, que suma un investimento global de 300.000 euros.
Os traballos consisten na construción de tres novas glorietas nos puntos de maior intensidade de tráfico, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e reducir o risco de accidentes. As obras inclúen a demolición e reposición de beirarrúas, a execución de novas illas centrais con pavimentos de formigón coloreado, a reposición do firme con mestura bituminosa en quente e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, destacaron durante a visita aos traballos, na que estiveron acompañados do presidente da Entidade Urbanística do Polígono da Granxa, Indalecio Cuevas, que “esta intervención responde a unha demanda do sector empresarial e contribuirá a mellorar a circulación e a seguridade dos miles de vehículos que a diario transitan polo polígono”.
Lorenzo subliñou ademais que “estas actuacións forman parte dun proxecto continuo do Concello para modernizar e dotar de mellores servizos os nosos parques empresariais, que son un piar fundamental da economía local e galega, que contan con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e máis de 2.200 empresas asentadas”.
O Concello do Porriño continúa así co seu compromiso de mellora permanente das infraestruturas industriais, traballando man a man coa Xunta de Galicia e co tecido empresarial para garantir espazos máis seguros, accesibles e competitivos.

