O Concello do Porriño reuníu hoxe ás directivas das comunidades de usuarios auga para explicarlles polo miúdo a convocatoria de axudas municipais e facilitarlles a tramitación das solicitudes.
“Esta liña de axudas vai dirixida a promover a mellora do servizo de abastecemento de auga para o consumo humano e a calidade da auga xestionada polas traídas, subvencionando o mantemento nas instalación da rede de distribución, analíticas de control sanitario e tamén obras de inversión que impliquen a mellora na prestación deste servizo”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “A esta nova convocatoria, a de maior contía proposta desde a administración local, destínanse 175.000 euros, un 85% máis do consignado no anterior orzamento. Súmase ademais unha nova liña, a destinada a inversións anteriormente non contemplada”. O rexedor engadiu que a intención destas axudas tamén é a “de promover un uso máis eficiente dos recursos hídricos dos que dispoñemos”.
Tal e como explicou o concelleiro Marcos Martínez, a través da primeira liña de incentivos subvencionaranse a captación de augas, o mantemento e conservación dos sistemas de almacenamento e potabilización das instalacións, a reparación de redes de distribución de auga. A segunda liña, contemplará as obras de inversión en inmobles e a sustitución de redes de distribución.
As axudas cubrirán o 80% do proxecto. A contía máxima por comunidade será de 12.000 euros e poderase percibir o 80% do importe por anticipado e o restante unha vez se acredite a obra.