O Concello do Porriño, a través da Concellería de Infraestructuras que dirixe Pedro Pereira, anuncia o inicio das obras de mellora do vial de acceso á Lagoa das Gándaras de Budiño. Segundo a previsión existente, os traballos se iniciarán no vindeiro mes de agosto. Trátase dunha obra financiada polo Plan Concellos 2020, cun orzamento base de licitación de preto de 44.000 euros (IVE incluído).
Actualmente o vial municipal de acceso ás Gándaras de Budiño atópase en mal estado, sendo necesaria a rehabilitación integral do pavimento, así como a realización de cunetas para a recollida das augas pluviais, que actualmente están a danar o firme existente. Polo tanto, as obras a realizar consisten na mellora do firme e da drenaxe.
Ademais, segundo o proxecto dirixido polo concelleiro de Infraestructuras, eliminarase a chaira de mestura bituminosa existente no parque natural, deixando unicamente un vial de acceso de tres metros. Esta superficie aglomerada substituirase por unha capa de terra vexetal, coa intención de que esta zona poida ser reforestada.
Por último, darase continuidade á varanda de madeira existente, de maneira que se complete o peche do espazo natural. Colocarase unha porta de tres metros de anchura para o acceso ao parque.
O proxecto foi previamente presentado polo Concello do Porriño ante a Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que deu o seu visto bó e informou favorablemente.
As Gándaras de Budiño é un ecosistema situado no sur do municipio que ocupa unha superficie de máis de 700 hectáreas ao longo do río Louro, afluente do Miño. Pola súa proximidade ao Atlántico e á humidade da zona, convértese nunha zona pantanosa de importante valor natural. Pero o máis destacado das Gándaras de Budiño é a súa fauna e flora; a vexetación acuática e sobre todo a gran cantidade de aves migratorias que teñen un punto de cría nesta zona polo que as Gándaras son un lugar de gran interese científico.
Ademais hai asentamentos paleolíticos que se poden visitar grazas aos percorridos de sendeirismo.