• As obras, en fase de licitación, contemplan a instalación dun novo céspede artificial que garantirá o bo estado do campo durante todo o ano tendo en conta a intensa actividade que soporta a diario. Tamén se realizarán melloras no sistema de rego e renovarase a iluminación do terreo de xogo
  • A execución das obras e o mantemento do céspede, por un período de 5 anos, supoñen unha inversión de preto de 700.000 euros financiados con fondos propios

O Porriño, 4 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño impulsa a renovación integral do campo de fútbol municipal do Lourambal. A actuación está incluída no mesmo expediente de licitación no que se atopa tamén a substitución e mantemento do céspede artificial do campo de fútbol de Pontellas, para o cal se empregará o mesmo modelo de xestión.

As obras contemplan a retirada do actual terreo de xogo de herba natural, o acondicionamento e nivelación do terreo con achega de zahorra, a instalación dun novo sistema de drenaxe perimetral e de subministración de auga, así como a instalación dun moderno céspede artificial de última xeración.

O cambio de herba natural a céspede artificial responde á necesidade de garantir o bo estado do campo durante todo o ano, tendo en conta a intensa actividade que soporta o terreo de xogo. Non se trata dun uso esporádico, xa que o club conta con preto de 400 fichas e realiza un uso diario e continuado das instalacións. Por este motivo, o céspede artificial constitúe a mellor opción, ao ofrecer unha maior durabilidade, menor mantemento e unha mellor adaptación ás condicións climatolóxicas da zona.

O proxecto, que responde a unha demanda histórica do club e das familias, prevé tamén a renovación completa do equipamento deportivo, no que se inclúe a substitución de porterías de fútbol 11 e dous xogos de porterías de fútbol 7, redes, un novo xogo de banderíns de córner, novos banquillos cubertos e pechados lateralmente, sinalización de campo e varandas perimetrais. Ademais, levarase a cabo mellora na rede de rego, instalando canóns emerxentes de largo alcance e un depósito enterrado para abastecer a instalación, e renovarase a iluminación do campo.

“Estes traballos supoñen un paso máis dentro do plan de mellora das instalacións deportivas municipais”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, asegurando que “queremos que tanto o Lourambal como Pontellas conten con terreos de xogo modernos, seguros e axeitados para a práctica do fútbol base e federado”.

A parte de obra civil conta un orzamento base de licitación de 399.077,73 euros e o correspondente ao renting para o posterior mantemento do céspede artificial, que ao igual que no caso de Pontellas tamén é de 5 anos, supón unha inversión de 292.458,95 euros.

O prazo de execución das obras de acondicionamento do terreo está fixado en catro meses e a instalación do novo céspede artificial levará outros dous meses adicionais, polo que se prevé que o campo estea completamente renovado no verán do próximo ano.

É a salientar que esta actuación no Lourambal supón a primeira fase dun proxecto ambicioso no que se inclúe a reforma das gradas e vestiarios valorado en máis de medio millón de euros.

Todas estas actuacións enmárcanse nun plan municipal máis amplo de mellora das instalacións deportivas do Porriño, co obxectivo de ofrecer espazos máis seguros, modernos e sostibles para o desenvolvemento da práctica deportiva en todo o municipio, así os campos de fútbol de Atios, Mosende e Budiño tamén contarán co seu proxecto de mellora.