• Os cursos de Director/a e Monitor/a de Tempo Libre, ambos con titulación oficial, capacitarán á mocidade para coordinar e desenvolver actividades educativas en campamentos, ludotecas e outros espazos de lecer.

O Porriño, 3 de maio de 2025.– A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, organiza para o ano 2025 dous cursos oficiais de tempo libre que se desenvolverán en formato intensivo e semipresencial no Centro Cultural Municipal do Porriño. Trátase dos cursos de Director/a de Actividades de Tempo Libre e Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, ambos impartidos por Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé.

“Queremos dotar á nosa mocidade das ferramentas necesarias para poder acceder ao mercado laboral no ámbito do lecer e o tempo libre, sectores en crecemento e cunha alta demanda de profesionais cualificados”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen puxo en valor a aposta do Concello pola formación de calidade como motor de oportunidades.

O curso de Director/a de Tempo Libre contará cunha parte teórica de 150 horas —80 presenciais e 70 en liña— que se desenvolverá entre os días 12 de maio e 1 de xuño. Posteriormente, os participantes deberán realizar unha fase práctica de 150 horas. Esta formación está homologada pola Xunta de Galicia e capacita oficialmente para coordinar e dirixir actividades de tempo libre en todo o territorio nacional.

Pola súa banda, o curso de Monitor/a de Tempo Libre ofrecerá unha formación teórica de 200 horas (100 presenciais e 100 en liña) e tamén contará cunha fase práctica de 150 horas. As sesións presenciais terán lugar entre o 16 e o 27 de xuño, mentres que a parte telemática se estenderá do 28 de xuño ao 11 de xullo.

O obxectivo é que os mozos e mozas do Porriño conten cunha formación certificada e profesional, que lles permita desenvolver tarefas educativas en campamentos, ludotecas, granxas escola ou centros socioculturais”, explicou o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, quen animou á mocidade a participar activamente nestas iniciativas.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo  a través das seguintes ligazóns:

En ambas accións formativas, darase prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño.

“Formarse neste tipo de accións non só abre portas no ámbito laboral, senón que tamén contribúe a fomentar valores de convivencia, respecto e participación social”, engadiu o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con estas novas convocatorias, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación non formal e co impulso do talento xuvenil, ofrecendo ferramentas útiles para o acceso ao emprego e promovendo valores fundamentais como a responsabilidade, a creatividade e a participación activa na sociedade.