• O Concello personarase na causa polo homicidio da traballadora do SAF 

O Porriño, 30 de xullo de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer declaracións oficiais sobre o tráxico suceso acontecido onte, na parroquia de Atios, que rematou coa morte dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mentres exercía o seu labor profesional.

O rexedor cualificou o día de onte como “un dos días máis tristes e escuros deste Concello e tamén para min, no plano persoal, como alcalde do Porriño”, e trasladou, en nome de toda a veciñanza, as condolencias á familia de Teresa, a vítima, así como “todo o noso cariño e apoio absoluto neste momento tan tráxico”.

Durante a súa intervención, Lorenzo anunciou que o Concello do Porriño se personará na causa e asegurou que se actuará “con firmeza” para que se esclarezan os feitos e se depuren todas as responsabilidades.

“O Concello personarase na causa. Tomaremos medidas contundentes, depurando responsabilidades, sexa quen sexa o responsable: órgano, empresa ou persoa física”, afirmou o alcalde.

O alcalde explicou tamén que non existía constancia de ningunha denuncia previa. Neste sentido, fixo un chamamento directo para que os traballadores e traballadoras denuncien calquera situación de risco ou violencia ante os órganos competentes: “Quero pedir a calquera traballadora ou traballador, sexa cal sexa o servizo que estea prestando no Concello ou non, que se ten constancia de calquera situación de risco, que denuncie. Desde o Concello actuaremos”.

O rexedor reiterou o compromiso do Concello coa familia da vítima e insistiu na vontade firme da institución de actuar con todos os mecanismos legais ao seu alcance.