O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño vén de resolver, o pasado 10 de xuño, as primeiras solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social na contorna residencial de rehabilitación programada (ERRP) de Torneiros, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Deste xeito, dos 872.425,00 € dispoñibles para a rehabilitación de vivendas, xa se teñen adxudicado un total de 781.754,03 €, o que supón case o 90% dos fondos da liña de axuda. As actuacións aprobadas permitirán obter unha mellora superior ao 60% no aforro enerxético, o que implica que se subvencione o 80% do custe total das obras, segundo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.
Ademais das axudas a particulares e comunidades, o Concello do Porriño tamén investirá en torno a 100.000€ para a urbanización e mellora da contorna, actuación que se suma ás intervencións xa en marcha co obxectivo de humanizar e revitalizar o barrio de Torneiros.
Este importante avance forma parte dun proxecto global de rehabilitación impulsado polo Concello co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, a calidade de vida da veciñanza e a cohesión social nun dos principais núcleos residenciais do municipio. A zona de Torneiros é unha prioridade para o Concello. Despois de moitos anos sen ningún tipo de actuación, recentemente estanse a executar diversas intervencións como esta liña de axudas á rehabilitación de vivendas e un ambicioso plan de mellora da rede viaria municipal, que inclúe obras de renovación de pavimento, mellora do drenaxe, beirarrúas, sinalización e zonas de estacionamento en diferentes camiños da parroquia, co obxectivo de revitalizar a contorna e responder ás demandas históricas da veciñanza.
“Esta resolución representa un paso adiante moi relevante nun proxecto transformador para Torneiros. Seguiremos traballando para captar máis fondos e ampliar o alcance das actuacións”, destacou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.
O prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 31 de xaneiro de 2026, polo que dende o Concello anímase á veciñanza a informarse, a beneficiarse desta oportunidade histórica de mellora das súas vivendas e da contorna, e ponse á disposición de todas as comunidades de veciños os servizos técnicos e xurídicos do Concello, así como a Oficina Municipal de Vivenda.