- Ábrese o prazo de inscrición ata o 14 de febreiro
- Celebraranse desfiles o sábado 1 e martes 4 de marzo e o enterro da sardiña será o mércores 5
O Concello do Porriño activa a conta atrás para a celebración do Entroido. Faino coa publicación das bases do desfile de comparsas con premios á participación para o cal está aberto o prazo de inscrición para todas aquelas agrupacións integradas por un mínimo dunha ducia de persoas, establecéndose dúas modalidades, infantil (ata 12 anos) e adultos (de 13 anos en adiante). As inscricións poden presentarse ata o 14 de febreiro, de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño.
“A publicación destas bases é o preámbulo dunha programación que presentaremos nos vindeiros días e que, de seguro, traerá moita diversión a nosa vila. Desfiles, espectáculos, talleres, música e moitas outras actividades pensadas, como sempre, para pequenos e maiores”, explica o concelleiro de Cultura e Festas, Bienvenido Estévez. Na mesa liña amósase o alcalde Alejandro Lorenzo que, un ano máis, anima a toda a veciñanza “a saír a rúa e participar dunha das citas máis destacadas do calendario festivo do noso Concello que cada ano vai gañando forza e na cal combinamos os actos tradicionais con outros máis novidosos e que causen sorpresa, co obxectivo ofrecer un programa completo e diverso dirixidos aos diferentes público”.
Maiores premios
Este ano a cantidade máxima destinada aos premios de participación fíxase en 18.000 euros, 3.000 euros máis que en 2024, que se repartirán ata acadar dita cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra de prazo poderán facelo pero sen opción ao premio por participación. O importe de cada premio determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa e que será de 300 euros para aquelas de 12 a 19 integrantes, 500 euros para as compostas por entre 20 e 39 persoas, 800 euros para as de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros para as de 56 a 85 integrantes e para aquelas de 86 compoñentes en adiante a contía entregada será de 1.200 euros.
As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado 1 de marzo e do martes de Entroido (4 de marzo), así como no acompañamento do enterro da sardiña, o mércores de cinsa (5 de marzo).
O testamento da sardiña será redactado polas comparsas, cada unha redactará entre 10 e 15 liñas, e tamén poderá participar a veciñanza que así o desexe. O testamento deberá presentarse no primeiro andar do Centro Cultural Municipal nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, ata o 20 de febreiro, en horario de 09.00 a 14.00. Unha vez cerrado o prazo o comité de observación elaborará o documento final.