• O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Política Social, Teresa Veloso, visitaron as instalacións para comprobar de primeira man que todo está a punto e funciona a pleno rendemento
  • As actuacións supuxeron unha inversión de preto de 80.000 euros financiados polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

 O Porriño, 24 de setembro de 2025.- As obras de mellora acometidas nas dúas escolas infantís da rede Galiña Azul do Porriño e no centro de día de Torneiros xa están totalmente rematadas e os tres centros funcionan con total normalidade e a pleno rendemento. Así o comprobaron o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Política Social, Teresa Veloso, nunha visita ás instalacións, destacando o bo estado no que se atopan os centros e a satisfacción das familias e usuarios, que acadan os 160, cos cambios acometidos. “Hoxe comprobamos o resultado dun traballo feito con responsabilidade e pensando no benestar das persoas. Agora contamos con centros máis seguros, eficientes e adaptados ás necesidades actuais. Seguiremos investindo para que os servizos públicos do Porriño estean sempre á altura da nosa veciñanza”, subliñou o alcalde.

Desde o Concello destacan que estas intervencións, que supuxeron unha inversión total de preto de 80.000 euros, financiados polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar forman parte dun plan de mellora continua das infraestruturas públicas, especialmente aquelas que atenden á infancia e ás persoas maiores. “Sabemos que o benestar das familias do Porriño comeza por contar con centros públicos de calidade. Esta é unha prioridade do noso goberno, e así vai seguir sendo”, puntualizou a concelleira.

A visita desta mañá concentrouse na parroquia de Torneiros, onde se localizan o centro de día e unha das escolas infantís. Nesta última, executouse a maior das obras, cun orzamento de 47.790 euros, consistente na substitución da cuberta, deteriorada por un problema continuo de filtracións, e instalación dun equipo de climatizacións. Pola súa banda, no centro de día, co fin de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade do recinto, instalouse un novo peche perimetral, que supón unha inversión de 26.250 euros. No caso da Galiña Azul de Doantes de Sangue, no casco urbano, levouse a cabo a impermeabilización das fachadas e reparación interior dos danos causados polas humidades e filtración de auga; uns traballos valorados en preto de 5.000 euros.

A maiores destas obras realizáronse outras menores de mantemento das instalacións e mobiliario, co fin de garantir o bo estado das infraestruturas e ofrecer un entorno máis adecuado e acolledor para os 160 usuarios destes tres centros. Estas actuacións incluíron reparacións eléctricas e de fontanería, revisión e axuste de peches interiores, reposición de mobiliario danado e labores de pintura en distintas estancias.