O Concello do Porriño logra finalmente recuperar unha subvención de 645.024,26 euros ao abeiro do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Recuperación Postcovid-19 (Programa REACPON), despois dun longo proceso administrativo e xudicial que avala os dereitos desta administración local.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou a súa satisfacción por esta resolución favorable: “Esta é unha gran nova para O Porriño que demostra que a perseveranza e o traballo constante do goberno local deron os seus froitos. A xustiza deunos a razón e permitiunos recuperar un financiamento esencial para levar a cabo un proxecto que mellorará a accesibilidade, a seguridade e a calidade de vida dos nosos veciños”

Unha das primeiras actuacións de Lorenzo tras estrearse como alcalde no ano 2021

A negativa da Deputación Provincial de dar a coñecer os criterios de baremación asignados ao proxecto que foi solicitado en diversas ocasións polo Concello así como polo propio Alejandro Lorenzo, na súa condición de deputado provincial, deu lugar a presentación dun recurso de reposición contra a denegación inicial da subvención por parte da Deputación.

Este fundamentábase na falta de motivación suficiente para a exclusión do proxecto, xa que o acordo non xustificaba de maneira clara e concreta os criterios aplicados para a súa desestimación. “A utilización dunha expresión tan xenérica, sen unha exposición clara dos motivos que levaron á comisión de persoas expertas a excluír determinados proxectos e admitir outros, impedía a este Concello defenderse adecuadamente e cuestionar a corrección da decisión adoptada” salientou o rexedor.

Unha loita pola xustiza administrativa

A concesión desta subvención fora inicialmente denegada polo anterior goberno provincial en decembro de 2021, argumentando que o proxecto presentado polo Concello non acadara a puntuación mínima requirida. Ante esta situación, o Concello do Porriño iniciou unha batalla legal para defender os seus dereitos, presentando recursos administrativos e finalmente acudindo aos tribunais.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra deu a razón ao Concello do Porriño, anulando a resolución da Deputación que establecía a inadmisión a trámite por extemporáneo (fóra de prazo) do recurso de reposición presentado polo Concello do Porriño, ordenando a retroacción das actuacións aos efectos de ditar unha nova resolución. Posteriormente, a Deputación interpuxo recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que foi desestimado.

Finalmente, o Pleno Provincial aprobou a concesión da subvención na sesión celebrada o 28 de marzo de 2025, a proposta da comisión de valoración, recoñecendo así o dereito do Concello do Porriño a recibir estes fondos.

Un proxecto clave para a mobilidade sostible

Os fondos recuperados destinaranse á execución do proxecto “Humanización da rúa Antonio Palacios”, unha iniciativa que inclúe a ampliación das beirarrúas, a creación dun carril bici e a renovación de servizos básicos como saneamento, abastecemento e iluminación pública. Ademais, mellorarase a seguridade viaria con novos pasos de peóns sobreelevados e sinalización adaptada.

O proxecto inicial será ampliado con actuacións específicas destinadas a mellorar e reforzar a seguridade nos centros educativos da zona, garantindo así unha contorna máis segura para os nenos e as familias.
O alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia desta obra: “Este proxecto transformará unha das principais arterias do Porriño, facéndoa máis accesible, sostible e segura. Non só recuperamos unha subvención, senón que garantimos un futuro mellor para os nosos veciños”.
O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e a defensa dos intereses da veciñanza.