- Máis do 30% do alumnado participante na edición anterior conseguiu un emprego trala realización das prácticas profesionais en centros de día e residencias
- Trátase dunha nova acción formativa, subvencionada pola Xunta de Galicia, dirixida a persoas desempregadas, a cal xa poden demandar a participación nela a través Oficia de Emprego
Porriño, 18 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de recibir unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia por un importe de 52.332,75 euros para organizar un novo curso AFD (accións formativas para persoas desempregadas) co obxectivo de mellorar a cualificación profesional da veciñanza e facilitar así a súa inserción no mercado laboral.
O Concello do Porriño volverá a centrar a formación na especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas Dependentes en Institucións Sociais, que acredita a capacitación profesional para traballar neste sector, un dos que máis demanda rexistra na actualidade. É que das 15 persoas participantes na última edición, que vén de clausurarse fai unhas semanas, máis dunha terceira parte conseguiu un posto de traballo ao remate das prácticas profesionais en distintos centros de día e residencias da contorna, capacitándose para traballar como coidadora nestas entidades, xerocultor ou profesional de apoio en centros de atención a persoas con discapacidade.
“Traballamos cada día para ofrecer oportunidades reais á nosa veciñanza e este curso é unha mostra do noso compromiso coas políticas activas de emprego, ofrecendo á veciñanza oportunidades de formación gratuíta, homologada e, o que é máis importante, cun futuro laboral real. Esta subvención permitiranos organizar unha nova acción formativa que non só mellorará a formación das persoas desempregadas, senón que tamén lles abren portas ao mercado laboral máis próximo”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
As persoas interesadas poden demandar a súa participación nesta nova acción formativa, facendo a súa solicitude na Oficina de Emprego.
Balance positivo das políticas municipais de emprego e formación
A concesión desta nova subvención súmase aos bos resultados que están a dar os programas municipais de emprego e formación no Porriño. Durante este ano, o Concello ten impulsado diversas iniciativas cunha inversión total superior a 1,2 millóns de euros, financiada en gran parte pola Xunta de Galicia.
En total, 150 persoas participaron nestes programas e xa se acadou unha media de inserción laboral superior ao 50%, destacando casos como o Programa Integrado de Emprego (PIE), que á espera aínda de rematar nos vindeiros días, xa alcanzou un 70%, superando amplamente os obxectivos marcados.
Tamén se desenvolveu con éxito o obradoiro dual de emprego “O Porriño Humaniza”, cunha vintena de persoas formadas e remuneradas durante nove meses. E continúa ata o vindeiro mes programa xuvenil “O Noso Encontro co Emprego”, dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos nas especialidades de albanelería e carpintería, que inclúe tamén actuacións de mellora en infraestruturas municipais.
O Concello do Porriño destaca a importancia de formar á cidadanía nos sectores con maior demanda laboral e de fomentar un modelo baseado na formación adaptada, a orientación individualizada e a colaboración coas empresas locais.