• O alcalde Alejandro Lorenzo felicitou aos deportistas do Club León&Fam-Carrera que gañaron na categoría infantil de cinto verde, subíndose tamén ao podio noutras modalidades e categorías

O Porriño, 10 de setembro de 2025.- Félix Mosquera Rodríguez, Sabela Mosquera Rodríguez, Ian Ríos Rodríguez, Irene Fernández Gómez, My Ngoc Rodríguez Álvarez, Daniela Campo Jorge, Nerea Bouzós Refojos, Marco Furlaneto Avendaño e Bruno Silva Martínez, xunto co seu adestrador Enrique Carrera, foron recibidos esta tarde no Concello do Porriño polo alcalde Alejandro Lorenzo en recoñecemento dos éxitos acadados na última tempada.

Este grupo de deportistas do Club León&Fam-Carrera colleitou grandes resultados no XI Campionato Ibérico de Kung Fu Moderno e Tradicional. O equipo formado por Félix, Sabela e Ian gañou a categoría de cinto verde infantil; en parellas, Marco e Irene acadaron a prata en junior cinto marrón e My Ngoc e Daniela o bronce en senior cinto negro; e en individual, Irene e Marco lograron tamén ser subcampións

A todo isto engádense outros primeiros e terceiros postos conseguidos na III Copa de Galicia de Kung Fu por Sabela, Bruno, Irene, Nerea, My Ngoc e Daniela e tamén no XIX Campionato Galego Escolar Individual de Kung Fu, logrando o ouro Sabela e o bronce My Ngoc.

“É unha enorme satisfacción para min, como alcalde do Porriño, recibir a estes mozos e mozas que, con tanto esforzo e dedicación, están levando o nome do noso concello ao máis alto no mundo do Kung Fu. Sodes un exemplo de superación, constancia e compromiso, e este recoñecemento é máis que merecido. Desde o Concello seguiremos apoiando ao deporte base e aos clubs locais, porque cremos no talento que temos na nosa vila”, sinalou Lorenzo.

Estes resultados non só reflicten o alto nivel deportivo do Club León&Fam-Carrera, senón tamén o compromiso do Porriño co apoio ao deporte local e á formación de novos talentos. O éxito destes deportistas é motivo de orgullo para todo o Concello e un estímulo para continuar fomentando valores como o compañeirismo, a disciplina e a superación a través do deporte.