• Esta figura de pedra, extraída da canteira Pozo do Liño da empresa Lemmar Granite, producida por Godoy Maceira e deseñada polo estudio de arquitectura Moneo Brock, colocarase no Concello do Porriño.
O Porriño, 2 de xuño de 2025.– O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá no acto oficial de presentación da instalación “A cor da pedra”, obra da recoñecida arquitecta Belén Moneo, no marco da primeira edición de STONEGAL, o evento internacional da pedra natural que se celebra no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) desde mañá ata o xoves.
Durante a súa intervención, o rexedor destacou a profunda conexión do Porriño co sector do granito e subliñou o valor desta obra como símbolo da creatividade, sustentabilidade e identidade cultural vinculadas á pedra natural galega. “O Porriño é pedra e a pedra é Porriño. Esta instalación representa o que somos: tradición, industria e futuro”, afirmou Lorenzo.
O Alcalde aproveitou para poñer en valor a dimensión do sector, lembrando que “só no noso concello extráense cada ano máis de 250.000 toneladas de granito, dentro dun ecosistema industrial que xera arredor de 4.500 empregos directos e indirectos”.
A peza, comisariada por Marisa Santamaría e patrocinada pola Deputación de Pontevedra, converteuse no emblema visual de STONEGAL 2025 e foi concibida como unha homenaxe á riqueza cromática e simbólica da pedra galega, material cunha forte presenza histórica e económica no municipio porriñés. Esta figura de pedra, extraída da canteira Pozo do Liño da empresa Lemmar Granite, producida por Godoy Maceira e deseñada polo estudio de arquitectura Moneo Brock, colocarase no Concello do Porriño.
O acto contou tamén coa presenza de representantes do Clúster do Granito, empresas locais como Lemmar Granite e Godoy Maceira, e outras autoridades institucionais, entre elas o Presidente e a Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra.
O Concello do Porriño reafirma así o seu apoio ao sector da pedra natural e salienta a importancia de promover espazos de diálogo entre a industria, a arquitectura e a arte para reforzar a proxección internacional dun material que define o territorio e o seu desenvolvemento económico.