- Os fondos recadados coas inscricións destinaranse a apoiar a Aceesca, o Banco de Alimentos do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro.
O Porriño, 29 de maio de 2025.– O Concello do Porriño informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na CAE INTERRUNNING’25, que se celebrará o vindeiro 21 de setembro. Trátase dunha cita deportiva consolidada no calendario local, organizada en colaboración co Interrunning Club, que busca fomentar a práctica deportiva, o espírito de equipo entre empresas e veciñanza, e, ao mesmo tempo, contribuír a causas solidarias.
Este evento contará con varias modalidades adaptadas a todos os públicos e niveis: andaina de 8 km, carreiras de 5 km e 10 km, así como probas infantís, o que permite a participación tanto de persoas habituadas á práctica deportiva como de quen se inicia nela. As inscricións poden realizarse xa a través da páxina web www.emesports.es cun prezo simbólico de 6 euros.
Desde o Concello do Porriño anímase a toda a cidadanía, empresas e colectivos a sumarse a esta iniciativa, que non só promove hábitos saudables e o deporte como ferramenta de cohesión social, senón que tamén ten unha importante vertente solidaria. Os fondos recadados coas inscricións destinaranse a apoiar a Aceesca, o Banco de Alimentos do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a relevancia deste evento no ámbito local:
“A CAE Interrunning é moito máis ca unha carreira. É unha oportunidade para que veciños e veciñas, empresas e entidades camiñen ou corran xuntos por un mesmo obxectivo: o benestar da nosa comunidade. Dende o Concello reiteramos o noso compromiso con este tipo de iniciativas que fortalecen o tecido social e promoven valores de solidariedade e cooperación”.
A xornada culminará cunha gran celebración aberta ao público, que incluirá música, agasallos e outras actividades lúdicas, converténdose así nun día de encontro, participación e festa para toda a vila.