O Porriño, 17 de xuño de 2025.- Esta mañá tuvo lugar a presentación oficial do Curso Oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, que deu comezo onte, luns 16 de xuño, no Centro Cultural Municipal. O Alcalde, Alejandro Lorenzo, acudiu ao acto que tamén contou coa presenza do Concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, impulsor desta iniciativa a través da OMIX da súa concellería.

O curso, organizado en colaboración coa cooperativa Avada e a Escola de Tempo Libre Scolé, está dirixido á mocidade do Porriño e forma parte da aposta do Goberno local por promover a formación e o emprego xuvenil.

“Seguimos traballando para ofrecer oportunidades reais á mocidade do noso municipio, fomentando a súa capacitación e facilitando o acceso ao mercado laboral”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo.

A formación impártese en modalidade semipresencial e inclúe un total de 200 horas lectivas, das cales 100 son presenciais —do 16 ao 27 de xuño—, e as outras 100 serán en liña ata o 11 de xullo.

Ao rematar o curso, o alumnado obterá o título oficial homologado pola Xunta de Galicia, que lles permitirá traballar en campamentos, actividades de lecer educativo, ludotecas ou programas de conciliación, entre outros.

Esta iniciativa súmase ás diversas accións impulsadas pola Concellería de Xuventude co obxectivo de ofrecer alternativas formativas útiles, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais da xuventude porriñesa.