• Este espazo conta cunha exposición dedicada aos cadernos de viaxe de Antonio Palacios, o ilustre arquitecto porriñés
Porriño, 3 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño presentou hoxe, ás 13:30 horas, o seu stand institucional na feira Stonegal 2025, que se celebra no recinto feiral de IFEVI. O acto contou coa intervención do Alcalde, Alejandro Lorenzo, quen destacou o papel estratéxico do Porriño como motor industrial e cultural dentro da provincia de Pontevedra e de Galicia.
Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor a forza do tecido empresarial local, con máis de 2.200 empresas activas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. “O Porriño é un dos municipios con maior PIB da provincia, un feito que evidencia a relevancia da nosa economía nun modelo de crecemento baseado no talento local e no desenvolvemento sostible”, sinalou.
O stand do Concello do Porriño conta cunha destacada exposición dedicada aos cadernos de viaxe de Antonio Palacios, o ilustre arquitecto porriñés. Estes cadernos constitúen un testemuño único do seu vínculo coa terra, mesturando arquitectura, arte e emoción nunha colección que revela a súa mirada apaixonada e o seu talento excepcional.
“Quero poñer en valor un sector histórico, con pasado, presente e moito futuro. Hoxe tamén nos lembramos de todas as empresas do sector, dos seus traballadores, do traballo dos arquitectos e, por suposto, de Antonio Palacios”. Recordando todo isto, o Alcalde puxo en valor o sector e O Porriño.
O rexedor quixo agradecer a presenza de representantes da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e dos medios de comunicación, cuxo apoio é clave para dar visibilidade ás iniciativas locais. “O obxectivo é converter o noso espazo nun punto de encontro coa identidade cultural do Porriño. Amosar estes debuxos é tamén unha maneira de seguir fortalecendo a nosa memoria colectiva e de promover o patrimonio que nos fai únicos”, afirmou o Alcalde.
A cidadanía e visitantes están convidados a achegarse ao stand, a gozar da exposición e descubrir todo o potencial que ofrece o Porriño, tanto no ámbito cultural coma no económico.
Podedes acudir á Stonegal no IFEVI hoxe e mañá de 10:00 e as 18:00 h e o xoves de 10:00 a 17:00 h.