O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera, presentaron hoxe ante os medios os resultados do estudo que recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financieira e temporal para a acometida integral da rede pública.
A planificación encargada polo Goberno Municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.
“Na actualidade faltan por acometer 91.111 m de rede pública para dar servizo ás 1.611 vivendas que non contan con conexión e teñen que recurrir a sistemas individuais”, explicou o alcalde. Unhas cifras que para Lorenzo supoñen “que estamos fallando aos veciños e veciñas como administración, especialmente aos do rural, ao non prestarlles un servizo público que estamos obrigados a prestar”.
“Falamos dunha inversión de 14.064.036 euros , algo inasumible para calquera concello, que impón un compromiso firme pola nosa parte”, continuou o rexedor, “Non estou aquí para facer política nin enganar á veciñanza prometendo cousas que non podo cumprir. Estou aquí para resolver e dar solucións, esa é a miña obriga e ese é o meu compromiso”.
“Planificación fronte á improvisación para conquerir con maior eficiencia a financiación que nos permita que o saneamento chegue a todas as vivendas do Porriño no menor tempo posible”, concluíu o alcalde, e para iso, anunciou que levará ao pleno da corporación a dotación dunha partida de 500.000 euros para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de augas do Louro que se inicie unha operación de crédito que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.
Cabe destacar que a eiva na prestación deste servizo básico no Porriño evidenciase máis en contraposición cos restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro, aínda tendo unha extensión similar: en Salceda completar o saneamento requeriría unha inversión de 7.347.246 euros, Tui 2.059.636 euros e Mos 1.478,914 euros.
O rexedor adiantou tamén que o executivo que preside levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 M de euros para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, soterramento da liña férrea e construción de vivenda de protección oficial e dotacións.
Rebaixa na taxa de baleirado de fosas sépticas
Durante a súa comparecencia o Alcalde explicou a reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa que a veciñanza que non dispón de conexión á rede está obrigada a pagar polo baleirado da fosa séptica. “Non é de recibo que, ademais de non beneficiarse dun servizo básico e esencial ao que teñen dereito como o resto de cidadáns, teñan que pagar unhas taxas desmesuradas”, concluíu Lorenzo.