• Cinco días de celebracións encherán as rúas da vila de música, tradición e participación, cunha homenaxe especial a Joaquín Diz “Cuquín” como fío condutor desta edición
  • O pregón, o Xogo da Ola, verbena coa Orquestra Olympus, o Enterro da Sardiña e os desfiles de comparsas, con máis de 2.000 participantes e case 30.000 euros en premios, marcarán a programación

O Porriño, 10 de febreiro de 2026.-O Concello do Porriño dá a coñecer a programación completa do Entroido 2026, unha das festas máis emblemáticas e participativas da vila, que se celebrará do sábado 14 ao mércores 18 de febreiro cun amplo programa de actividades para tódolos públicos. Esta edición estará marcada pola lembranza e a homenaxe a Joaquín Diz, coñecido popularmente como Cuquín, antigo traballador municipal e figura moi querida pola veciñanza, que se converteu co paso dos anos nun símbolo do Entroido local polo seu forte vínculo con esta tradición.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou durante a presentación que “o Entroido é unha festa que define perfectamente o espírito do noso pobo, unha celebración feita na rúa, en comunidade e con moita participación veciñal”. O rexedor subliñou ademais que “este ano queriamos que o Entroido tivese tamén un compoñente emotivo e humano, lembrando a Cuquín, unha persoa moi querida que forma parte da memoria colectiva do Porriño e que estará moi presente ao longo de toda a programación”.

Un Entroido dedicado á memoria de Cuquín

O Entroido 2026 está dedicado á memoria de Cuquín, quen será homenaxeado tanto na imaxe oficial da festa como nos actos do Mércores de Cinza. O seu rostro protagoniza a lona oficial do Entroido e será lembrado de maneira especial no tradicional Enterro da Sardiña, un dos momentos máis emotivos das festas, como mostra de respecto e gratitude polo seu legado e pola súa vinculación co Entroido e coa vida social da vila.

A imaxe oficial do Entroido 2026 corresponde ao cartel gañador do Concurso Escolar de Carteis, cuxo premio absoluto foi para Javier Fernández Alonso. O seu traballo, no que debuxa a cara de Cuquín, servirá como cartel oficial desta edición e converterase nun dos símbolos máis recoñecibles das festas. O autor participará no pregón do Entroido xunto á histórica Comparsa Matices.

As comparsas, eixo central do Entroido do Porriño

Un dos grandes piares do Entroido do Porriño serán, un ano máis, os desfiles de comparsas, que nesta edición contarán con máis de 2.000 participantes repartidos en 24 comparsas. Participarán comparsas cun mínimo de 20 compoñentes, establecéndose dúas modalidades, infantil ata os 12 anos e adultos a partir dos 13, asignándose a categoría en función da maioría de idades do grupo. O Concello do Porriño destina un importe de 29.500 euros en premios á participación, que se repartirán segundo o número de integrantes de cada comparsa.

Os desfiles celebraranse nas datas previstas no programa do Entroido, o sábado 14 de febreiro e o martes 17 de febreiro. Ademais, as comparsas estarán presentes no Mércores de Cinza durante o Enterro da Sardiña, reforzando así o carácter tradicional e colectivo desta xornada final.

Sábado de Entroido: pregón, Xogo da Ola, desfile e gran verbena

As celebracións darán comezo o sábado 14 de febreiro coa animación de rúa a cargo das charangas Fanfarria Furruxa e Noroeste, xunto coa batucada Latexo, que percorrerán as rúas da vila entre as 11:30 e as 14:30 horas. Ás 12:00 horas celebrarase o pregón do Entroido na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a cargo da Comparsa Matices e de Javier Fernández Alonso xunto cos demais gañadores e gañadoras co Concurso Escolar de Carteis do Entroido. Coincidindo co Día dos Namorados, ás 13:00 horas, a Tuna Feminina da Universidade de Salamanca animará as rúas do Porriño. A partir das 14:30 horas terá lugar o tradicional xantar na rúa na Praza Arquitecto Antonio Palacios, amenizado pola Charanga Cantos Somos. Pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase o 82º Xogo da Ola na rúa do mesmo nome. Dende as 18:00 e ata as 21:00 horas, diferentes batucadas e charangas animarán as rúas da vila. Ás 18:00 horas terá lugar o Gran Desfile de Comparsas de Entroido, que partirá do Pavillón Municipal de Deportes e finalizará na Praza Arquitecto Antonio Palacios, acompañado polo show de Pablo Méndez. Ao rematar o desfile, celebrarase unha gran verbena coa Orquestra Olympus e unha sesión DJ a cargo de Ballesteros e Dmiron a continuación.

Actividades infantís e programación familiar

O domingo 15 de febreiro estará dedicado especialmente ao público infantil, con festas, obradoiros e actividades que se desenvolverán entre as 17:00 e as 20:00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, coincidindo coa exposición do V Concurso Escolar de Carteis do Entroido. Esta exposición poderá visitarse tamén de luns a venres, en horario de 9:00 a 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal. As actividades infantís continuarán o luns 16 de febreiro cunha festa con inchables e obradoiros dirixida aos máis pequenos, que terá lugar entre as 17:00 e as 19:00 horas na mesma praza.

Martes de Entroido: segundo gran desfile de comparsas

O martes 17 de febreiro, Martes de Entroido, a animación de rúa comezará ás 17:00 horas coa participación de diversas batucadas e charangas. Ás 18:30 horas celebrarase o Gran Desfile de Comparsas de Entroido, que percorrerá as rúas da vila dende San Sebastián ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ao rematar o desfile, a música continuará coa actuación da Charanga Louband na praza.

Mércores de Cinza e Enterro da Sardiña

A programación culminará o mércores 18 de febreiro coa celebración do tradicional Enterro da Sardiña. A partir das 17:00 horas, as charangas Noroeste e Os Támega animarán as rúas da vila, mentres que no Círculo Recreativo Cultural terá lugar o velorio da sardiña, acompañado polas Pranideiras, con entrada libre e de balde. Ás 18:00 horas realizarase o acompañamento da sardiña polas rúas do Porriño ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde ás 19:00 horas se celebrará a proxección de fotos de Cuquín, un micro aberto e a lectura do testamento da sardiña. Ao rematar este acto, procederase ao acompañamento final da sardiña ata o río Louro, poñendo o broche final a un Entroido marcado pola emoción, a tradición e a identidade local.

“Queremos que este Entroido sexa unha festa para gozar, para compartir e tamén para lembrar”, concluíu o alcalde Alejandro Lorenzo, quen animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nas celebracións do Entroido 2026 no Porriño.