- A conselleira de Economía e Industria María Jesús Lorenzana anunciou esta mañá nun encontro con empresarios do municipio a ampliación do crédito dunha liña de axudas a través da cal se poderán executar ambos proxectos
- O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo resalta os máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial os cales con axudas como estas veranse modernizados e acondicionados
O Porriño, 4 de setembro 2025.- O Concello do Porriño foi o lugar elixido pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para anunciar a ampliación do crédito en 2,5 millóns das axudas encamiñadas á mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. Nun encontro con empresarios do municipio, celebrado esta mañá na casa consistorial porriñesa, o alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a asistencia tanto da conselleira, acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, como dos propios empresarios animándoos a aproveitar esta xuntanza para formular suxestións e propostas, xerando un diálogo construtivo entre administracións e empresariado.
Nesta liña, o rexedor local destacou e agradeceu “a complicidade e colaboración que existe xa entre o Concello e os entes empresariais”, algo que se traduce na coordinación á hora da posta en marcha de diversas actuacións ou incluso na solicitude de subvencións como as que hoxe se anunciaron, “pois ao estudar os proxectos presentados vese que ides da man e vos complementades”, subliñaba Ardao. E é que, de xeito paralelo a estas axudas dirixidas aos concellos galegos, dende a Consellería de Economía e Industria sacaron tamén outra orde de subvencións dirixida ás asociacións e entidades de parques empresariais co mesmo obxectivo de mellora de infraestruturas e servizos, e das que os empresarios do Porriño serán tamén seguramente beneficiarios podendo así executar os seus proxectos que contribuirán á modernización e á competitividade dos seus polígonos industriais.
Lorenzo remarcou que “ao Porriño non se lle dá o apoio con palabras senón con feitos e a Xunta de Galicia faino unha vez máis con subvencións como estas destinadas á mellora deste noso pulmón industrial, con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e 2.200 empresas”. A conselleira pola súa parte explicou que dado o elevado volume de solicitudes recibidas e vendo que existe unha gran demanda de necesidades reais, dende a Xunta de Galicia considerouse aumentar a partida orzamentaria inicial, de 3.032.718,00 euros, en 2.582.743,30 euros máis, de maneira que a anualidade de 2025 desta liña de axudas, pasa a ser de 5.615.461,30 euros. “Unha orde de subvencións que permite modernizarse e implementar melloras nas infraestruturas de todo tipo. Porriño foi beneficiario o ano pasado e está agora mesmo esperando que se lle poidan conceder, ao amparo desta ampliación, novas axudas para os seus parques empresariais”. Deste xeito, a falta da reunión da comisión de valoración, todo apunta a que O Porriño será un dos concellos aos que se lles concederá subvención para a execución dos dous proxectos presentados polo Concello a esta liña de axudas, un centrado na mellora de infraestruturas do Parque Empresarial das Gándaras e outro de mellora de seguridade vial do Polígono de A Granxa, que suporán unha inversión de preto de 150.000 euros cada un deles.