- Claudio Giráldez, adestrador do RC Celta de Vigo, recibirá o Premio ao Deporte pola súa traxectoria exemplar
O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta mañá a presentación oficial da II edición dos Premios Antonio Palacios, nun acto no que se anunciou o nome do último dos galardóns desta convocatoria: o Premio ao Deporte será concedido ao adestrador porriñés Claudio Giráldez González, actual técnico do RC Celta de Vigo, que esta tempada conseguiu a clasificación para a UEFA Europa League.
O Concello quere recoñecer así unha traxectoria marcada polo traballo constante, a vocación formativa e a excelencia profesional no mundo do fútbol. Claudio Giráldez, que deu os seus primeiros pasos deportivos no Porriño, é hoxe unha figura de referencia no deporte galego, destacando tanto polo seu liderado no terreo de xogo como polo seu compromiso co crecemento dos máis novos.
“O éxito de Claudio non é só deportivo, é un exemplo de superación, humildade e conexión coas súas raíces. Representa á perfección os valores que queremos destacar con estes premios: esforzo, identidade e excelencia”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto.
Durante esta semana, foron anunciándose os demais galardóns que se outorgarán o sábado: o Premio á Cultura ao Festival de Cans, pola súa labor única na promoción do cinema galego e a dinamización do rural con creatividade e participación veciñal; o Premio ao Compromiso Social ao Círculo Recreativo Cultural CRC, por ser un espazo histórico de encontro e fomento da cohesión social; o Premio á Empresa ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, polo seu compromiso coa calidade, innovación e apoio á economía local; e o Premio de Honor a título póstumo a Lola Magno, pioneira fotógrafa que documentou a vida e evolución social do Porriño, deixando un valioso legado cultural.
A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase o sábado 14 de xuño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e contará cunha ampla programación de actividades culturais, artísticas e musicais ao longo de todo o día. A xornada comezará ás 9:30 horas co II Concurso de Pintura Rápida. Pintando a Palacios. Ás 12:30 horas haberá un concerto da Agrupación Musical do Porriño. Ás 19:00 horas entregarase o premio do II Concurso de Pintura Rápida. Xa pola tarde, ás 21:00 horas, a Banda de Gaitas de Paramos interpretará o Himno Galego, seguido da entrega dos Premios Antonio Palacios. Para pechar a noite, ás 22:00 horas, terá lugar unha actuación da Banda de Gaitas de Paramos.
Estes premios, promovidos polo Concello, teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar o talento local en diferentes ámbitos —cultura, empresa, compromiso social, deporte e memoria histórica— ao tempo que se rende homenaxe á figura do gran arquitecto porriñés Antonio Palacios, símbolo do orgullo e da identidade do municipio.