Porriño, 30 de maio de 2025.– Esta tarde tivo lugar no Concello do Porriño a presentación oficial de ACiENCiACERTA 2025, a segunda edición da Mostra de Ciencias na Rúa, que este ano medra en duración e en ambición. A praza do Concello e as rúas do centro urbano converteranse durante tres días –do mércores 4 ao venres 6 de xuño– nun espazo aberto para a ciencia, a divulgación e a participación cidadá.
Durante a presentación interviron o Coordinador do evento, Juancho Castaño; a Concelleira de Educación, Carolina González; a Directora de Comunicación & Global Brand en Zendal Group, Beatriz Díaz; o Director Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares e Alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destacou o éxito da primeira edición e a clara aposta por consolidar este evento como unha cita anual de referencia no ámbito da divulgación científica.
ACiENCiACERTA está organizada polo Concello do Porriño co patrocinio de Zendal Group e, como novidade principal deste ano, conta coa colaboración institucional da Universidade de Vigo.
O tema protagonista desta edición será o cambio climático, que marcará tanto o contido das conferencias como a imaxe gráfica do evento. O obxectivo é achegar á cidadanía unha reflexión colectiva arredor da ciencia e os grandes retos ambientais do noso tempo.
A madriña de ACiENCiACERTA 2025 é a porriñesa Katia Guimaré González, enxeñeira industrial que desenvolve a súa carreira profesional na empresa ferroviaria alemá Deutsche Bahn AG. Un referente de talento galego no exterior, comprometida coa innovación e a excelencia técnica.
Katia Guimaré formará parte do xurado científico que o venres 6 de xuño avaliará os proxectos presentados polos dez centros educativos do Porriño, no marco do Concurso de Proxectos Científicos Escolares, con dúas categorías: menores e maiores de 12 anos, ademais dun premio do público. Completan o xurado Silvia Diz de Almeida, investigadora en medicina molecular e doutora pola USC e Ángel Pichel Loureiro, médico de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e docente universitario.
Programación completa
- Mércores 4 de xuño
Lugar: Botica Nova de Palacios
Brinde pola Ciencia con Aguas de Mondariz
Charlas:
– “Natureza que protexe: o papel da vexetación no río”. A cargo de Sofía Villar Rúa e Elena Seoane Martínez
– “O cambio climático contado por un Hominino a un Neandertal”. A cargo de Eduardo Méndez Quintas, Hugo Bal García e Iván Rey Rodríguez
- Xoves 5 de xuño
Charlas e actividades:
– “O extraordinario planeta A no que habitamos”. Con Martín Barreiro e Ana Mariño
– “A ornitoloxía e o cambio climático”. Con María Vidal Malde
– “Derivas”. Instalación artística sostible de Julia de la Cal
- Venres 6 de xuño
Mostra de Proxectos Científicos Escolares nas rúas do centro
Votación do Premio do Público
Charlas:
– “O mar e o cambio climático”. Con Laura García Peteiro e Xulia Pisón
– “A natureza na obra de Miguelanxo Prado”. Conversa co recoñecido autor galego de cómic
ACiENCiACERTA 2025 quere achegar a ciencia á rúa, fomentar vocacións e crear espazos de encontro entre profesionais da ciencia, estudantes e veciñanza. Desde o Concello do Porriño convidamos a toda a cidadanía a participar e gozar desta festa da ciencia ao aire libre.