O Porriño, 29 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño porá en marcha nas vindeiras semanas unha serie de cursos de formación en Reanimación Cardiopulmonar (RCP) dirixidos á veciñanza, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia sanitaria.
As sesións serán de balde e estarán impartidas por profesionais do sistema de saúde. Esta iniciativa permitirá que as persoas asistentes adquiran coñecementos básicos en RCP, que poden resultar fundamentais á hora de actuar ante unha parada cardiorrespiratoria, ou outra situación de risco vital, e supor a diferenza entre a vida e a morte.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta a importancia desta acción formativa no marco dun compromiso municipal continuado coa seguridade e a saúde pública: “As propias asociacións culturais, os clubs deportivos e mesmo as instalacións municipais repartidas polas distintas parroquias do noso concello están a ser dotadas de mochilas de reanimación específicas para actuar ante emerxencias. Seguiremos apostando por esta formación, algo que xa fixemos en moitas ocasións, porque somos conscientes de que pode salvar vidas. O feito de salvar unha soa vida é para nós un éxito total e absoluto.
As datas e localizacións dos cursos comunicaranse próximamente a través dos canais oficiais. A participación está aberta a toda a veciñanza interesada. O Concello está a analizar a demanda por parte de colectivos interesados, así como a dispoñibilidade de espazos e técnicos cualificados para garantir o éxito da actividade.
Esta nova acción forma parte da liña de actuación do Concello en materia de prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando O Porriño como un concello preparado e comprometido coa vida.