A Biblioteca Municipal do Porriño, en colaboración con ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia), pon en marcha o programa “Cociñar sen glute“. Trátase dun proxecto baseado en tres actividades distintas: un obradoiro familiar de cociña sen glute, unha exposición bibliográfica sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute, e unha guía de lectura sobre o mesmo tema que se publicará en internet en aberto.
Con este proxecto, que o Concello do Porriño deserola por medio da Biblioteca Municipal, coincidindo co “Día Nacional do Celíaco”, que se celebra o 27 de maio, quere sensibilizar e dar a coñecer esta enfermidade, pero tamén aportar formación, información e ferramentas prácticas ás persoas celíacas da nosa vila.
Obradoiro Familiar de cociña sen glute
Obradoiro práctico no que se aprenderán receitas e técnicas, impartido por membros de ADEGA, pensado para familias -pais, nais, nenas e nenos a partir de 6 anos-, que se celebrará en instalacións de cociña reais, no Centro Municipal Multiusos de Torneiros, este martes, 23 de maio, de 5 a 8 e media da tarde.
Exposición bibliográfica sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute
No Recuncho da biblioteca haberá unha exposición na que se presentará unha nutrida selección de títulos sobre celiaquía e cociña sen glute. Estará exposta entre o 22 de maio e o 2 de xuño. Esta selección pasará logo a formar parte da colección da biblioteca, para que estea a disposición de todos os usuarios e usuarias interesadas.
Guía de lectura
Este mesmo luns, día 22, estará publicada, en aberto na páxina web da Biblioteca Municipal-https://bibliotecadoporrino.com/- e nas redes sociais da mesma, unha guía de lectura sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute, con numerosos recursos sobre o tema, para que poda servir como apoio e información permanente a todas as persoas interesadas.