O Porriño, 22 de decembro de 2025. – O Concello do Porriño volverá poñer en marcha neste Nadal o servizo de autocares gratuítos para facilitar á veciñanza o acceso á iluminación e á decoración de Nadal da vila, repetindo unha iniciativa que contou cunha excelente acollida o pasado ano.
O servizo estará operativo os días 23 e 29 de decembro, permitindo que persoas de distintos puntos do municipio poidan desprazarse comodamente ata o centro do Porriño para gozar das luces de Nadal, do ambiente festivo e das actividades programadas durante estas datas.
Esta acción ten como obxectivo achegar as parroquias ao centro urbano, evitando desprazamentos en vehículo privado, mellorando a seguridade viaria e favorecendo a participación, especialmente das persoas maiores de 65 anos, cunha proposta accesible, cómoda e segura.
O servizo organizarase en dúas liñas diferenciadas.
A Liña 1, con saída desde Chenlo, realizará o percorrido Chenlo – Mosende – Pontellas – Torneiros – Carracido, con saída ás 17:00 horas e regreso ás 20:00 horas. Os puntos de recollida serán: Igrexa de San Xoán de Chenlo e Canadelo; Igrexa de San Xurxo de Mosende; Centro Cultural de Pontellas e parada de autobús de Arrotea; Igrexa de San Salvador de Torneiros, Froiz Torneiros e Campo de Fútbol Lourambal; e a A.V.C. As Mimosas de Carracido.
A Liña 2, con saída desde Budiño, percorrerá Budiño – Atios – Cans, con saída ás 18:00 horas e regreso ás 21:00 horas. En Budiño, as paradas serán Orbenlle (Café Chimay), parada de autobús de Cerquido, Capela de San Blas, Centro Recreativo Cultural Mosteiro, farmacia, Centro Cultural Cruz e parada de Vaquería; en Atios, Centro Cultural de Atios, Igrexa de Santa Eulalia, parada de Vilafría, Outeiro, Covelo e Casa Cultural de Chenlo; e en Cans, Bar Fortes.
Os autocares terán como destino o centro da vila, onde a veciñanza poderá pasear polas rúas decoradas, contemplar a iluminación de Nadal e desfrutar do ambiente propio destas datas.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinala que “con este servizo queremos que todo o mundo poida vivir o Nadal do Porriño, independentemente de onde viva. É unha iniciativa pensada para facilitar os desprazamentos, compartir momentos en familia e seguir facendo do Nadal unha celebración próxima, inclusiva e para todos”.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa se enmarca na aposta por un Nadal inclusivo, sostible e pensado para todos, ao tempo que contribúe á dinamización social e comercial do municipio durante o período festivo.


