O Porriño, 18 de decembro de 2025. – O Concello do Porriño organiza un obradoiro infantil de elaboración e decoración de galletas de Nadal, unha actividade dirixida á infancia que se desenvolverá durante varios días das festas co obxectivo de fomentar a creatividade, a participación e o achegamento ás tradicións propias destas datas.
O obradoiro amplíase cunha nova sesión o 2 de xaneiro, que se engade ás datas xa programadas dos días 23, 29 e 30 de decembro de 2025 e 5 de xaneiro de 2026. Todas as sesións desenvolveranse en horario de 11:00 a 12:00 horas, na zona infantil da Praza de Abastos Municipal.
A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos e contará con 12 prazas por quenda, co fin de garantir unha atención adecuada e un correcto desenvolvemento do obradoiro.
Esta iniciativa forma parte da programación de Nadal do Concello do Porriño, que inclúe propostas pensadas para o público infantil e familiar, apostando por actividades que combinan lecer, aprendizaxe e tradición, ao tempo que contribúen á dinamización dos espazos públicos do municipio durante estas datas.
INSCRICIÓN PARA O OBRADOIRO INFANTIL DE GALLETAS
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición a través do documento que se achega a esta nota. Unha vez cuberto, debe enviarse á dirección de correo electrónico cultura@oporrino.org . As prazas asignaranse segundo a orde de recepción das solicitudes ata completar o número máximo de participantes.


