• As actuacións contan cun investimento total de 177.286,27 euros

O Porriño, 1 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño vén de poñer en marcha un ambicioso plan de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Torneiros, Pontellas e Mosende, cun investimento total de 177.286,27 euros (IVE incluído). O obxectivo deste proxecto é rehabilitar o firme existente e mellorar as condicións de circulación e seguridade nestes camiños, moitos deles moi transitados polos veciños e veciñas.

Está previsto que os traballos rematen nun prazo aproximado de dúas semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

As actuacións inclúen traballos de roza e limpeza, fresado de pavimento, mellora de drenaxes, pavimentación, sinalización horizontal e recrecido de arquetas mediante formigón estrutural. Tamén se contempla a creación de zonas de estacionamento e a adaptación de pasos de peóns á normativa vixente.

Camiños incluídos no proxecto:

  • Camiño 01 (Torneiros): Treito entre a estrada EP-2401 e a PO-331. Prevese o fresado do firme existente, a mellora do drenaxe e nova capa de rodadura con sinalización.
  • Camiño 02 (Torneiros): Treito sur con intersección coa EP-2401. Inclúe renovación de pavimento, mellora de beirarrúas e creación de zonas de estacionamento.
  • Camiño 03 (Torneiros): Zona do Polígono II. Mellora e ampliación das zonas de aparcadoiro existentes.
  • Camiño 04 (Torneiros): Lugar de Casal de Vello. Rehabilitación integral do firme e mellora da sinalización horizontal.
  • Camiño 05 (Mosende e Pontellas): Zona de A Louriña. Actuacións sobre cunetas, drenaxes e reposición do pavimento.

“O meu compromiso é claro: mellorar os servizos e infraestruturas das parroquias. Estes traballos son unha mostra de que seguimos avanzando nese camiño, para mellorar as infraestruturas básicas do noso municipio. As parroquias son prioridade. Estes camiños son fundamentais para a mobilidade diaria da veciñanza e queremos que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan unhas condicións dignas e seguras”, sinalou o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.