• Trátase dun novo elemento de xogo para o desfrute da poboación infantil próximo ao Templete de San Luís e aos chorros de auga, nunha zona verde e de lecer que irá en crecemento complementándose con novos proxectos que inclúen a adhesión de novos terreos próximos
  • Os traballos que inclúen tamén a colocación de bancos de pedra e plantación de tres carballos supoñen unha inversión de 75.400 euros e estarán rematados nas vindeiras semanas

O Porriño, 9 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño continúa apostando polo benestar e o lecer das familias, coa instalación dun novo e moderno elemento de xogo no Parque Infantil, próximo ao recentemente restaurado Templete de San Luís. Nas vindeiras semanas, a cativada do Porriño poderá desfrutar xa desta nova atracción, un multixogo que simula unha locomotora de tren ofrecendo unha experiencia lúdica única.

Os traballos xa comezaron e atópanse neste momento na escavación da superficie para a cobertura cunha base de formigón sobre a cal se colocará o pavimento de caucho e posteriormente se instalará o tren. O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Parques Infantís, Marcos Martínez, estiveron esta mañá comprobando o estado da obra que, se todo transcorre segundo os prazos previstos, estará rematada nas vindeiras semanas. “Este proxecto forma parte dunha serie de melloras que estamos a levar a cabo nos lugares públicos do municipio, co obxectivo de crear un ambiente máis atractivo, accesible e seguro para as nosas familias, que favorezan a convivencia e a diversión de pequenos e maiores”, explica o alcalde. Neste caso particular, “o acondicionamento desta área de lecer non remata aquí, traballamos a diario para conseguir financiamento, dado o seu elevado custo, e ir avanzando por fases, adquirindo terreos próximos e poder completar así outro gran espazo de encontro e desfrute para toda a veciñanza no casco urbano do Porriño”.

Este novo elemento de xogo trátase dunha estrutura de 3,69 x 10,73 x 3,25 metros e unha altura de caída libre de 1,97 metros e foi deseñado para garantir o desfrute, con seguridade, dos usuarios máis pequenos. Está fabricado en aceiro galvanizado, con cordas de polipropileno reforzadas, plataformas antideslizantes e sobre pavimento de caucho, facendo que sexa unha instalación confortable, duradeira e segura.

A instalación desta nova atracción estará acompañada dunha serie de melloras na contorna do antigo Campo da Feira. A zona será pechada cun perímetro de bancos de pedra, ofrecendo espazos de descanso e facendo do parque un lugar máis cómodo e accesible. Ademais, instalaranse bordos de pedra granítica nas zonas de acceso, mantendo unha estética harmoniosa coa contorna natural. Levarase a cabo tamén a plantación de tres carballos detrás dos bancos de pedra, que proporcionarán sombra e mellorarán a calidade ambiental do espazo, facendo que tanto nenos como adultos poidan gozar da zona ao aire libre.

“O benestar da nosa veciñanza é unha das nosas prioridades e estamos comprometidos en ofrecer espazos de lecer de calidade para todos, neste caso con especial atención aos máis pequenos da casa tendo en conta que somos un municipio cunha poboación infantil que crece ano a ano, atendendo así tamén as demandas que nos transmiten de ampliar e mellorar as zonas de xogo”, subliña o alcalde.

O orzamento total do proxecto, que inclúe o acondicionamento da zona coa instalación deste elemento de xogo e demais mobiliario urbano ascende a un total de 75.402 euros, que se financia con fondos propios.