O Porriño, 14 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de iniciar os trámites institucionais para trasladar formalmente ao Vaticano a invitación para que o Papa León XIV poida visitar O Porriño con motivo do Xacobeo 2027, no marco das relacións históricas e culturais recentemente documentadas entre o Pontífice e o municipio.

Esta iniciativa baséase nunha investigación histórica rigorosa, elaborada polo canónigo e arquiveiro da catedral de Tui, Avelino Bouzón Gallego, que confirma que un antepasado directo do Papa León XIV viviu no século XVII na parroquia de San Salvador de Torneiros. Trátase dunha liñaxe documentada en arquivos parroquiais, da que xa se tiña coñecemento previo e que vén sendo agora recoñecida públicamente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinala que “falamos dun feito histórico de enorme relevancia para o noso concello, que conecta O Porriño cunha figura central da historia contemporánea a través das nosas raíces”. Segundo explicou, “é unha oportunidade única para poñer en valor a nosa historia e o papel das parroquias porriñesas ao longo dos séculos”.

Á vista desta circunstancia, o Concello considera que o Papa León XIV pode ser recoñecido como fillo ilustre de orixe porriñesa, polo que, ademais da invitación oficial para unha posible visita no contexto do Xacobeo 2027, está a estudarse a dedicación dunha praza ou dunha rúa co seu nome, como recoñecemento institucional e símbolo do vencello histórico entre O Porriño e a figura do Pontífice.

Neste sentido, Alejandro Lorenzo subliñou que “non se trata dun xesto simbólico sen máis, senón dun recoñecemento institucional baseado no rigor histórico e no orgullo pola nosa identidade”, engadindo que “O Porriño é unha terra de emigrantes, e esta historia representa a moitas familias que ao longo dos séculos levaron o nome da nosa vila polo mundo. A historia deixa pegadas e, ás veces, esas pegadas volven ao lugar onde todo comezou”.

Desde o goberno municipal destácase tamén que esta proposta se enmarca na vontade de proxección cultural e institucional do Porriño coincidindo cun acontecemento de alcance internacional como é o Ano Santo Xacobeo 2027, e sempre desde o respecto ás institucións e á historia.

O Concello do Porriño continuará traballando de maneira coordinada con outras administracións, co tecido social e cos medios de comunicación para que esta iniciativa poida avanzar de forma ordenada e consensuada.