• As obras contan cun orzamento de 100.093,20 € e buscan resolver o mal estado destes camiños municipais, mellorando a seguridade viaria e a calidade dos accesos
  • Prevese que os traballos de asfaltado rematen nunha semana.

O Porriño, 6 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño comeza esta semana un proxecto de repavimentación en cinco camiños da parroquia de Budiño: Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido. Estas actuacións enmárcanse no compromiso municipal de mellorar as infraestruturas e dinamizar o medio rural. Prevese que os traballos de asfaltado rematen nunha semana.

O obxectivo principal destas obras, que contan cun orzamento de 100.093,20 € (IVE incluído), financiados íntegramente coa subvención do Plan+Provincia2024 da Deputación de Pontevedra, é resolver o mal estado destes camiños municipais, mellorando a seguridade viaria e a calidade dos accesos para veciños e usuarios.

O proxecto contempla unha serie de actuacións fundamentais, entre elas:

  • Limpeza e desbroce das marxes e arcenes para garantir un bo drenaxe e visibilidade.
  • Fresado do firme existente, eliminando as zonas deterioradas para a correcta base do novo pavimento.
  • Aplicación de capas de aglomerado en quente, con espesores que garanten a durabilidade e resistencia do novo firme.
  • Realce das tapas de rexistro para evitar danos e mellorar a seguridade.
  • Marcado vial reflectivo e pintura termoplástica de símbolos e frechas para facilitar a circulación e a seguridade.

Mellora dos Viais e do Saneamento: Un Compromiso con Todas as Parroquias

A mellora dos viais e do saneamento é unha das máximas prioridades do goberno municipal. “Sabemos que unhas boas comunicacións e uns servizos básicos axeitados son fundamentais para garantir a calidade de vida da veciñanza”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Por iso, o Concello está a desenvolver un plan integral de actuacións en todas as parroquias, con proxectos definidos tanto para a renovación e mellora dos viais como para a extensión e modernización das redes de saneamento, adaptándose ás necesidades específicas de cada zona.

“O noso obxectivo é construír un Porriño máis conectado, máis limpo e máis sostible, con infraestruturas modernas e eficaces, á altura do que merece a nosa cidadanía”, subliña o rexedor.

Os camiños que recibirán estas melloras teñen lonxitudes que oscilan entre os 145 e 350 metros, cun ancho medio entre 4,5 e 5 metros, garantindo así unha mellor circulación tanto de vehículos como de peóns.

Este investimento reafirma o compromiso do Concello do Porriño coa calidade de vida dos seus veciños, especialmente no medio rural, onde a mellora das infraestruturas é fundamental para o desenvolvemento e a conexión dos núcleos de poboación.