● Trátase dunha infraestrutura clave para impulsar a vida cultural do municipio
O Concello do Porriño comezou esta semana as obras de construción do futuro auditorio municipal, un proxecto esperado durante anos que dará resposta ás necesidades culturais do municipio. Cun orzamento próximo aos 2,7 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses, está previsto que esta moderna infraestrutura abra as súas portas antes de que remate o ano 2026.
“O Porriño convértese no Concello da Cultura”
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta obra, sinalándoa como un fito para o desenvolvemento cultural do Porriño. “Iniciamos unha obra fundamental para o noso Concello, unha infraestrutura que marcará un antes e un despois para quen goza, crea e apoia a cultura”, declarou con entusiasmo.
Lorenzo tamén subliñou as limitacións do actual salón de actos para atender a demanda existente. “É unha obra imprescindible, deseñada para situar O Porriño como un referente cultural. Este auditorio será moito máis que un edificio; será o centro das nosas actividades artísticas e culturais”, engadiu.
Deseño moderno e funcional
O novo auditorio situarase na parte traseira do actual Centro Cultural e ocupará tamén o solar contiguo. Terá capacidade para 340 persoas, cun deseño flexible que inclúe 184 butacas en bancadas retráctiles e 156 fixas, adaptándose así a diferentes tipos de eventos.
O proxecto destaca pola súa coidada acústica e a calidade dos seus materiais. Os muros construiránse en formigón cofrado, os acabados interiores serán en madeira de Okume, e o exterior combinará granito para manter unha estética coherente coa contorna.
Ademais, contará con dous accesos, un desde o Centro Cultural Municipal e outro dende a rúa Xosé Fernández López. A escaleira lateral permitirá un acceso práctico á parte superior do auditorio cando as bancadas estean recollidas. Outros espazos inclúen dous baños adaptados, vestiarios totalmente equipados e unha zona exterior cuberta para actividades ao aire libre.
O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación, o que, segundo o alcalde, foi fundamental para materializar esta obra. “Este auditorio non sería posible sen a colaboración das institucións que apostaron polo Porriño e polo seu futuro cultural”, afirmou.
O auditorio está deseñado para converterse no eixo central da vida cultural do Porriño. A nova infraestrutura permitirá acoller unha ampla variedade de eventos, desde representacións teatrais e concertos ata conferencias e exposicións.
“O Porriño é un lugar de talento e de inquedanza artística, e este auditorio será un espazo para que todo iso poida medrar e compartirse”, concluíu Alejandro Lorenzo.
O inicio destas obras supón un paso firme cara á consolidación do Porriño como un referente no ámbito cultural galego, cun espazo pensado para que os porriñeses e porriñesas seus gocen e participen nunha oferta artística de calidade.