• O proxecto facilita a inserción laboral de persoas recentemente tituladas ao abeiro do programa Máis Emprega e conta cun cofinanciamento entre a Deputación de Pontevera e o Concello do Porriño que supera os 67.650 euros

O Porriño, 28 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño reforza os seus servizos de orientación e inserción laboral coa incorporación de tres novas técnicas ao seu equipo municipal no marco dun programa de formación e emprego dirixido a persoas recentemente tituladas.

Desde este mes de xaneiro, Lucía Novoa, Iria González e Ximena Correa xa están a desenvolver o seu labor como técnicas de orientación profesional mediante un contrato de formación. Dúas delas son graduadas en Traballo Social e unha en Educación Social, e participan neste proxecto co obxectivo de adquirir experiencia práctica e competencias profesionais que faciliten a súa incorporación ao mercado laboral.

Esta iniciativa forma parte do programa Máis Emprega e ten como finalidade principal ofrecer unha primeira oportunidade laboral a persoas mozas recentemente graduadas, axudándoas a superar a falta de experiencia profesional, un dos principais obstáculos no acceso ao emprego.

Durante un ano, as tres técnicas realizarán tarefas de acompañamento, asesoramento e orientación ás persoas usuarias dos servizos municipais de emprego, combinando formación teórica e práctica e adquirindo habilidades sociais, comunicativas e profesionais fundamentais para o seu futuro.

O proxecto conta cun cofinanciamento de 67.657,32 euros por parte da Deputación de Pontevedra e do Concello do Porriño, permitindo impulsar unha iniciativa que aposta polo talento novo e polo fortalecemento dos servizos públicos locais en materia de emprego.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de programas para favorecer a inserción laboral da mocidade. “Apostar pola formación e pola primeira oportunidade profesional é apostar polo futuro do noso concello. Con iniciativas como esta conseguimos que persoas novas poidan desenvolver o seu talento aquí, ao tempo que reforzamos a atención á cidadanía”, sinalou.

Lorenzo subliñou tamén que “detrás de cada contrato hai un proxecto persoal e profesional, e desde o Concello traballamos para acompañar ese camiño con recursos, apoio e confianza”.

Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir impulsando políticas activas de emprego que favorezan a formación, a inserción laboral e a creación de oportunidades reais para a veciñanza, especialmente entre a mocidade recentemente titulada.