• Este proxecto conta cun orzamento de 537.384 euros

O Porriño, 10 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta tarde a inauguración oficial da nova Rúa San Sebastián, tras concluír as obras de humanización que transformaron por completo este espazo emblemático da vila. Ao acto asistiron o Alcalde, Alejandro Lorenzo; o Concelleiro de Vías e Obras, Moncho Porto; a directora da obra e arquitecta responsable do proxecto, Estefanía Grandal; representantes da empresa construtora ORESA; así como veciños e veciñas da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián.

Este proxecto, que conta cun orzamento de 537.384 euros, supón a culminación da primeira fase du proxecto integral que conecta a rúa San Sebastián coa peonil de San Bieito e co antigo Campo da Feira. A intervención incluíu a renovación das redes de saneamento e abastecemento, a mellora da iluminación pública, a reorganización do tráfico e do aparcamento, así como a creación dunha nova praza pública con zonas verdes e espazos de lecer. 

“Esta rúa é agora un espazo digno, humanizado e funcional, que mellora a calidade de vida da veciñanza e revaloriza un dos accesos principais ao centro urbano do Porriño, especialmente importante para o Camiño de Santiago”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, durante o acto. “Non se trata só de renovar o firme ou mellorar os servizos, senón de apostar por un modelo urbano centrado nas persoas.”

Durante a inauguración, o Concello reafirmou o seu compromiso de continuar avanzando na segunda fase do proxecto, que contempla a creación dunha nova praza entre a Capela e a Fonte de San Sebastián. “Queremos que este sexa un punto de encontro para veciños, peregrinos e visitantes, un lugar de referencia que combine patrimonio, accesibilidade e calidade urbana”, engadiu o rexedor.

Esta actuación enmárcase dentro das políticas de humanización e sustentabilidade urbana impulsadas polo Goberno municipal, co obxectivo de construír un Porriño máis humano, inclusivo e comprometido co benestar da súa cidadanía.