O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño organizou esta semana unha actividade educativa innovadora dirixida ao alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros escolares do municipio. A iniciativa, que tivo lugar os días 10 e 12 de xuño, permitiu que 126 nenos e nenas, acompañados por 9 docentes, participasen en visitas guiadas á Escola de Motociclismo IKERIC RACING Sport Galicia, situada nun complexo de máis de 25.000 metros cadrados.

Durante as visitas, os participantes coñeceron as instalacións, recibiron nocións básicas sobre seguridade viaria, mecánica e o funcionamento do motociclismo de competición, e tiveron ocasión de compartir espazo con pilotos profesionais convidados/as especialmente para a actividade.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou nunha das xornadas e destacou “a importancia de que o Concello promova accións formativas que saen fóra das aulas e que permiten ao alumnado aprender dun xeito práctico, ameno e con valores”. Durante a súa visita, afirmou tamén que: “Queremos que os rapaces e rapazas do Porriño teñan acceso a experiencias enriquecedoras que lles abran portas a novos intereses, como é o caso do motociclismo, sempre desde a seguridade e a formación”.

Pola súa parte, a Concelleira de Educación, Carolina González Costas, sinalou que “o obxectivo destas visitas foi proporcionar unha experiencia formativa distinta, que axude a concienciar sobre a seguridade na estrada, esperte vocacións e promova estilos de vida saudables a través do deporte”.

A actividade desenvolveuse en colaboración con IKERIC RACING Sport Galicia, e contou tamén coa implicación da Concellería de Educación e da OMIX do Porriño, que coordinaron o desprazamento e a organización dos centros educa6vos participantes: CPR Santo Tomás, CEIP Cruz-Budiño, CEIPP Xosé Fernández López e CEIPP Antonio Palacios.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha educación integral, dinámica e adaptada aos intereses da mocidade actual.