Porriño, 30 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de aprobar en pleno unha serie de actuacións estratéxicas que serán financiadas mediante crédito extraordinario e subvencións concedidas pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Estes investimentos, que contaron cos votos a favor do goberno local e coas abstencións do PSOE e do BNG, permitirán avanzar en ámbitos clave como a educación infantil, o lecer, o deporte, a mellora de infraestruturas rurais e a humanización urbana.
Entre as principais actuacións destacan:
- Equipamento das escolas infantís de Budiño e Pontellas: O Concello destinará 71.491,64 euros para dotar de equipamento e mobiliario as novas escolas infantís financiadas pola Xunta de Galicia, garantindo así a súa posta en funcionamento durante este ano.
- Ampliación do parque infantil da Avenida de Galicia: Cun investimento de 33.153,70 euros, levarase a cabo a instalación de novos xogos infantís termoplásticos, unha cama elástica con pavimento de caucho e mobiliario urbano complementario para mellorar a funcionalidade e confort do espazo.
- Equipamento do campo de fútbol municipal de Lourambal: Para a primeira fase (obra civil) do equipamento do campo de fútbol de Lourambal, o Concello investirá 399.077,73 euros, reforzando o compromiso coa promoción do deporte base e a mellora das infraestruturas deportivas coa colaboración da Xunta.
- Mellora de camiños en Devesa, Filgueiras e Portela de Souto: Grazas á subvención da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, executarase a mellora do pavimento en camiños destas parroquias cun orzamento total de 132.979,42 euros. Deste importe, a Deputación achega 57.324,23 euros e o Concello complementa a inversión con 75.655,19 euros.
- Humanización da prolongación da rúa Antonio Palacios: O Concello recibirá unha subvención de 645.024,26 euros da Deputación para executar esta obra, cun orzamento total de 860.032,34 euros, completado coa achega municipal de 215.008,08 euros.
- Acondicionamento do local nº 4 na rúa Antonio Palacios: O acondicionamento deste local, cunha superficie total de 72,75 m² máis dous anexos de 16 m² cada un, terá un custe estimado de 86.250 euros. O proxecto conta coa axuda da Xunta de Galicia.
- Substitución do céspede artificial no campo de fútbol de Pontellas: O Concello realizará a substitución do tapete de herba natural por céspede artificial, cun investimento de 279.074,32 euros que inclúe obras complementarias para garantir a correcta instalación.
- Instalación de pista deportiva no parque infantil do entorno do Campo da Feira: Segundo o informe do enxeñeiro municipal, esta actuación consistirá na instalación dunha pista deportiva, xogos biosaudables e mobiliario urbano necesario, cun custo valorado en 58.395,63 euros.
O Alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas actuacións reflicten o compromiso do Goberno local coa mellora continua dos servizos e infraestruturas do Porriño e das súas parroquias, contando coa colaboración institucional para optimizar os recursos e dar resposta ás necesidades da veciñanza. Queda moito por facer e seguiremos traballando para atender a moitas máis necesidades e demandas Energie”.
O Pleno tamén acorda recorrer os custos do encoro de Eiras fixados por Vigo
Outro dos puntos clave da sesión foi a aprobación por unanimidade da interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o acordo plenario do Concello de Vigo do 29 de marzo de 2023, que modifica unilateralmente os termos da participación do Porriño nos custos de mantemento do embalse de Eiras, establecidos nun acordo de 1998.
Segundo o informe xurídico municipal, esta modificación podería supoñer un prexuízo económico para os intereses do Porriño, polo que o Pleno acordou:
- Interpoñer o recurso contencioso-administrativo.
- Facultar á Alcaldía para realizar os trámites necesarios para a execución deste acordo.
Outros asuntos
O Pleno tamén aprobou a determinación dos festivos locais para o ano 2026 e a inclusión dun novo vial no inventario municipal, entre outros puntos de trámite.