Porriño, 5 de xuño de 2025.– A segunda edición de ACiENCiACERTA, a Mostra de Ciencias na Rúa organizada polo Concello do Porriño, viviu esta mañá un dos seus momentos destacados coa charla “O extraordinario planeta A no que habitamos”, a cargo do meteorólogo Martín Barreiro e da divulgadora ambiental Ana Mariño.
A actividade celebrouse na Praza do Concello e contou coa asistencia do alumnado do IES Ribeira do Louro e do Colexio Hermanos Quiroga. O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu á charla, saudou ao público e puxo en valor “a aposta decidida do Concello por promover espazos de divulgación científica abertos á cidadanía”.
A charla enmarcouse no eixo temático central desta edición de ACiENCiACERTA: o cambio climático e os retos ambientais actuais. Barreiro e Mariño ofreceron unha exposición dinámica e próxima, destacando a beleza, diversidade e vulnerabilidade do planeta Terra.
O alumnado participou activamente no coloquio, nun ambiente de aprendizaxe e reflexión que cumpre co obxectivo do evento: achegar a ciencia á rúa, promover o pensamento crítico e espertar vocacións científicas entre os máis novos.
ACiENCiACERTA 2025 continuará durante todo o día, hoxe e mañá, con máis actividades, charlas, obradoiros e co Concurso de Proxectos Cientíicos Escolares, que converterán novamente o centro urbano do Porriño nun espazo de coñecemento, innovación e participación cidadá. Información da programación completa, na web do Concello.