O Porriño, 9 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño recibiu esta mañá, nun emotivo acto institucional, á cantante Lucía Samoelle, veciña da parroquia de Chenlo, como mostra de recoñecemento polo seu brillante percorrido artístico e a súa participación actual no programa da TVG A Liga dos Cantantes Extraordinarios.
O acto, que contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, foi unha homenaxe ao talento local, ao esforzo e ao compromiso da artista. O rexedor destacou “o orgullo que supón para todo o municipio ver a unha porriñesa triunfar e emocionar a Galicia enteira coa súa voz”. Subliñou tamén o compromiso do Concello en apoiar o talento local, especialmente o xuvenil, e animou a Lucía a seguir representando a Porriño con paixón e humildade.
Con tan só 25 anos, Lucía Samoelle acumula unha traxectoria prometedora. Leva cantando dende os 12 anos, cando participou no certame local “Tes Talento”, onde acadou o terceiro posto na edición de 2022. No ano 2024 foi gañadora da terceira edición do concurso “Xuntos quero ser artista”, emitido pola TVG dentro do programa Xuntos, consolidando así a súa presenza no panorama musical galego.
Recentemente tamén quedou segunda no certame vigués “Megaestrelas”, o que lle permitiu obter unha beca dun ano de formación en canto no Conservatorio das Artes Mayeusis, reforzando así a súa formación artística.
Ademais da súa faceta musical, Lucía é educadora social, profesión que compaxina coa súa paixón pola música, á que define como “unha vía de escape e unha forma de expresión persoal e emocional”.
O Concello do Porriño quixo poñer en valor non só o talento artístico de Lucía, senón tamén o seu compromiso coa cultura e coa sociedade, e desexoulle moitos éxitos nesta nova etapa televisiva e profesional.