O Porriño, 26 de xuño de 2025 .- O Concello do Porriño gravou esta mañá na parroquia de Cans o segundo episodio do podcast “A historia do teu pobo”, unha proposta integrada na Caravana do Concello, a oficina móbil que percorre as parroquias para achegar os servizos públicos ao rural e reforzar a participación cidadá.

Neste novo episodio, conducido polo Alcalde, Alejandro Lorenzo, a veciñanza tivo a oportunidade de escoitar en directo as historias de tres convidados moi especiais: Fermina Fernández, de 100 anos,  que foi costureira, vendedora e traballadora do campo; Juan Maceira, de 94 anos, que foi carpinteiro e empresario carrocero e colabora co Festival de Cans; e Adriano Campos, de 91 anos, veciño de Cans e actor galego en activo de máis idade. As súas respostas, cheas de humor, emoción e sabedoría, emocionaron ás persoas que se achegaron ao torreiro para presenciar a gravación.

Durante a conversa falouse das lembranzas na parroquia, da vida no campo, das festas de antes, dos bailes, das cartas de amor, das anécdotas no lavadoiro… Tamén houbo tempo para reflexionar sobre o valor da cultura, da veciñanza de toda a vida e da importancia de manter viva a memoria do lugar. A gravación rematou cun momento moi especial: unha cantiga tradicional interpretada por un dos protagonistas. 

“Foi un encontro entrañable, cheo de verdade. Fermina, Juan e Adriano representan a historia viva de Cans e do Porriño. Escoitalos é un privilexio e un deber, porque nestas historias está o noso ADN como pobo”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo.

A gravación deste podcast enmárcase no percorrido da Caravana municipal, que retoma as visitas ás parroquias a partir deste venres, 27 de xuño. A primeira parada será no Centro Cultural de Mosende. A primeira parada A oficina móbil estará dispoñible os venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas, ofrecendo atención directa para facer trámites, rexistros, peticións… sen necesidade de desprazarse ao centro urbano.

O episodio completo estará dispoñible próximamente nas redes sociais do Concello. Con esta dobre iniciativa, caravana e podcast, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha administración próxima, humana e participativa, que escoita, recolle e comparte as voces da súa xente.