- O 35% do alumnado do curso AFD de Atención Sociosanitaria conseguiu traballo trala realización das prácticas en residencias e centros de día
O Porriño, 27 de agosto de 2025.- Un novo grupo de 14 mulleres e un home desempregado do Porriño vén de formarse para afrontar con máis competencias a súa inserción no mercado laboral. O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, estiveron esta mañá co alumnado do curso AFD de Atención Sociosanitaria a persoas Dependentes en Institucións Sociais, o que acredita a capacitación profesional para traballar neste sector, un dos que máis demanda rexistra a día de hoxe. “Este curso é unha mostra do compromiso do Concello coas políticas activas de emprego, ofrecendo á veciñanza oportunidades de formación gratuíta, homologada e, o que é máis importante, cun futuro laboral real”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. E é que unha terceira parte dos participantes xa conseguiron un posto de traballo, catro tralo remate das prácticas e un, con compromiso de contratación, farao nos vindeiros días.
O curso iniciouse o 21 de marzo e inclúe máis de 450 horas de formación teórica e práctica. O alumnado completou con éxito as prácticas profesionais en distintos centros de día e residencias da contorna e agora xa está capacitado para traballar como coidador nestas entidades, xerocultor ou profesional de apoio en centros de atención a persoas con discapacidade.
A concelleira de Emprego e Formación sinala que este curso “está moi demandado no seu sector e supón unha gran oportunidade de formación gratuíta e de gran valor para o futuro profesional do alumnado, reforzando o compromiso do Concello do Porriño co emprego e coa mellora da cualificación da veciñanza”. Neste sentido, remarca que “catro participantes xa obtiveron unha oportunidade laboral inmediata no mesmo lugar onde realizaron as prácticas, o que confirma a alta empregabilidade deste sector”.
Esta acción xunto con outras que están chegando ao seu fin serán clausuradas nun acto que se celebrará a vindeira semana no Multiusos de Torneiros. Todas elas son unha mostra máis do compromiso continuado do Concello do Porriño coa mellora da empregabilidade da súa veciñanza. A través de programas formativos como este e doutras iniciativas orientadas ao acceso ao emprego, para as cales se conta coa colaboración da Xunta de Galicia, estase a construír un modelo de apoio real para quen busca unha oportunidade laboral. Investir na formación das persoas é investir no futuro da municipio, e resultados como os acadados reflicten que este camiño dá froitos e cómpre seguir reforzándoo.