Técnicos da Concellería de Medio Ambiente do Porriño e do Consorcio de Augas do Louro –un enxeñeiro técnico municipal, o enxeñeiro responsable da UTE Consorcio do Louro, e membros da asistencia técnica de IDOM, ademais do propio xerente do Consorcio-, desprazáronse onte, venres, á zona da parte traseira do edificio dos Bombeiros, no Polígono de As Gándaras, onde, dende unha empresa, se producirá unha vertedura de aceites e graxas.
Foi o Servizo de Conservación da Natureza quen alertou do mesmo ao redor das 9 da mañá polo cal, axiña, recolléronse varias mostras da balsa de retención que instalara o Servizo de Conservación -proceso no que estivo presente, ademais, un técnico da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil-.
Membros do propio Consorcio do Louro, entidade presidida pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, realizaron unha completa inspección da rede de pluviais do Polígono, ademais das acometidas das empresas da contorna ao tempo que axudaron, cun camión depresor, nos traballos de eliminación do verquido que superaba os 25 metros cúbicos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, sinala que abriuse un expediente informativo en relación con este verquido, que as mostras están a ser analizadas e lembra que, segundo regulamento do Consorcio do Louro, a empresa responsable deste feito enfróntanse a unha sanción de entre 30.000 e 100.000€, ao considerarse como moi grave.
Son consideradas infraccións moi graves aquelas que, por cantidade ou calidade da vertedura, deriven a existencia dun risco moi grave para a saúde das persoas, os recursos naturais ou o medio ambiente.