- Esta colaboración incluirá campañas de sensibilización, formación e apoio nas denuncias ante as autoridades competentes, así como coa participación activa da Concellería de Medio Ambiente e da Policía Local.
- O vindeiro 17 de maio, a asociación INMA instalará un punto informativo na praza Arquitecto Antonio Palacios, en horario de 17:00 a 21:30 horas, onde se dará a coñecer o seu labor
O Porriño, 13 de mayo de 2025.– Tras a aparición de varios casos de violencia exercida sobre gatos comunitarios, o Concello do Porriño e a asociación protectora de animais INMA mantiveron unha reunión de coordinación para reforzar a súa implicación na loita contra o maltrato animal. Esta colaboración incluirá campañas de sensibilización, formación e apoio nas denuncias ante as autoridades competentes, así como coa participación activa da Concellería de Medio Ambiente e da Policía Local.
A finais de decembro de 2024, o Concello do Porriño adxudicou á asociación INMA o contrato para a xestión das colonias felinas, un servizo que ten como obxectivo garantir o benestar destes animais e o control da súa poboación, aliñándose coa lexislación vixente e promovendo unha xestión ética e responsable.
A pasada semana, INMA puxo en coñecemento do Concello un grave suceso: a morte dun gato pertencente a unha colonia controlada, tras recibir dous disparos. O animal foi atopado pola súa alimentadora habitual agochado na súa caseta, con dificultade para moverse e un comportamento máis dócil do habitual. Foi trasladado con vida á clínica veterinaria, onde faleceu poucas horas despois. A necropsia revelou dous proxectís, un aloxado no fémur e outro na cavidade abdominal.
Unha vez coñecido o suceso, os feitos foron comunicados a Garda Civil, solicitando unha investigación para esclarecer os feitos e localizar ao autor ou autores. A Policía Local está colaborando activamente na investigación e reforzará a vixilancia nas zonas onde existen colonias felinas.
Desde o Concello quérese seguir traballando por unha mellora real na vida dos animais e fomentar unha convivencia pacífica entre estes e a veciñanza. Neste sentido, o Concello e a asociación INMA porán en marcha unhas xornadas informativas de concienciación contra o abandono e o maltrato animal, abertas a toda a cidadanía.
Así mesmo, o vindeiro 17 de maio, a asociación INMA instalará un punto informativo na praza Arquitecto Antonio Palacios, en horario de 17:00 a 21:30 horas, onde se dará a coñecer o seu labor, promoverase a concienciación sobre o benestar animal e ofreceranse vías para que a cidadanía poida colaborar como voluntaria.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, declarou que “esta colaboración é un paso máis na nosa loita pola protección animal. Queremos que Porriño sexa un lugar onde os animais sexan tratados con respecto e cariño”.
Pola súa banda, a presidenta da asociación INMA, Ana Dios, afirmou que “a colaboración entre Concello, asociación, persoas alimentadoras e cidadáns é fundamental para lograr o noso obxectivo: axudar ao maior número de animais posible e garantir o seu benestar”.
Lémbrase que todas aquelas persoas que alimenten colonias felinas deben rexistralas no Concello, presentando o Anexo I do protocolo de control de colonias felinas, aprobado definitivamente o pasado 21 de marzo de 2025.
Por último, desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para colaborar activamente coa protección dos animais. As persoas interesadas en ser voluntarias poden contactar coa asociación INMA no teléfono 623 59 39 53, por correo electrónico a inmaasociacion@gmail.com ou a través das redes sociais (Facebook e Instagram). Precísanse voluntarios para alimentación de colonias, recollidas solidarias de alimentos, casas de acollida para nais e crías, traslados a clínicas veterinarias e labores de coidado no refuxio.