O Concello do Porriño duplicará no 2024 a súa axuda anual á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual ACEESCA. Así o anunciou hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, no acto de presentación do proxecto da Escola Profesional Aceesca que se celebrou nas súas instalacións no polígono industrial de As Gándaras.
 
Así, a achega municipal a esta entidade social pasará de 10.000 euros anuais a 20.000, para facilitar o labor social que desempeñan no Porriño e en moitos concellos da contorna dende hai xa catro décadas.
“O traballo que realizan é imprescindible e permite que as veciñas e veciños do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión”, destacou o rexedor, “Por iso contarán sempre co respaldo do Concello no que precisen. Asegurar que se cumpran os dereitos das persoas con diversidade é tamén unha aposta de futuro, xa que todas e todos somos membros activos desta sociedade”.
 
A primeira escola profesional adaptada de Galicia está no Porriño: ESCOLA PROFESIONAL ACEESCA
 
Lorenzo puxo en valor a importancia do proxecto da Escola Profesional que hoxe se presentaba ao tecido empresarial do Porriño salientou que “permitirá romper moitas barreiras que separan ás persoas con diversidade do seu dereito a traballar”.
 
Cabe destacar neste sentido que a Formación Dual Adaptada, que se impartirá nestas instalacións, é a fórmula máis acaída para capacitar ás persoas con discapacidade para o seu acceso ao mercado e así o demostra a experiencia colleitada por Aceesca dende a posta en marcha do seu proxecto piloto en 2019.
Os alumnos/as combinan dende o primeiro día formación no posto de traballo cun contrato remunerado a media xornada, baseado na metodoloxía aprender-facendo.
 
Aceesca conta dende o ano 2006 cun centro especial de emprego, Aceesca Emprego, e agora preséntase a nova marca do mesmo, LUME, cuxas principais actividades productivas son a Xardinería e a Limpeza e que na actualidade da traballo a 60 persoas.
 
Ante a imposibilidade de espacio para levar a cabo a variedade de especialidades formativas que require o mercado laboral, o Concello do Porriño cedeu un terreo no polígono de As Gándaras de 9000 m2 para a construción da Escola Profesional Aceesca. As instalacións contan cunha superficie construída aproximada de 3.000 m2, ademais da zona destinada á agrocompostaxe.
 
A primeira fase estará finalizada a mediados de 2024, podendo trasladarse xa a actividade actual, e quedando tan só pendente a zona de Restauración para unha segunda fase. O obxectivo é que estea finalizado a principios do 2025.