O Concello do Porriño fixo entrega de dez equipos DESA a asociacións veciñais e clubs deportivos do municipio que se distribuirán en todas as parroquias.
Os equipos foron entregados ao Porriño Industrial (Campo Municipal do Lourambal), Unión Deportiva Atios (Campo de fútbol O Carballo), CD Pontellas (Campo de fútbol San Campio), CF San Salvador de Budiño (Campo de fútbol de Budiño), AD Mosende (Campo de fútbol de Mosende), Club Atletismo Porriño (Pistas de atletismo no Polígono A Granxa-Budiño), AVC As Mimosas (Centro Cultural de Carracido), ELM Chenlo (Centro Cultural de Chenlo), AV O Castelo de Cans (Centro Cultural de Cans) e ao Multiusos de Torneiros.
A equipación inclúe un desfibrilador externo cun xogo de parches de electrodos, unha batería, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.
O Concello dota así ás asociacións dun recurso para actuar de maneira coordinada cos profesionais do 061 para gañar tempo na atención dun paro cardíaco, intentando que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais. O principal factor de éxito ou fracaso nestes casos é o tempo e por iso se convirte nunha prioridade dispoñer de equipos de reanimación cardio-pulmonar distribuídos por todas as parroquias e formar a un equipo de persoas para a súa utilización.
O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maioría son debido a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos básicamente devolven o ritmo normal ao corazón.