• A convocatoria permanece aberta ata o 31 de xaneiro de 2026 e está dirixida a comunidades e veciñanza que queiran mellorar a eficiencia enerxética das súas vivendas
• O importe total das axudas ascende a preto de 1 millón de euros
O Porriño, 20 de decembro de 2025.– O Concello do Porriño informa de que continúa aberta a convocatoria de axudas para a rehabilitación residencial na contorna residencial de rehabilitación programada (ERRP) de Torneiros, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que aínda quedan dispoñibles 328.164,97 euros na bolsa de subvencións para novas solicitudes.
Ata o de agora, dos 872.425,00 euros destinados á rehabilitación de vivendas, foron adxudicados 544.260,03 euros, correspondentes a tres actuacións, o que supón un 62,38 % dos fondos totais desta liña de axudas. Un cuarto decreto de adxudicación, non foi aceptado pola comunidade beneficiaria, polo que ese importe engrosa a bolsa e ponse a disposicións de futuras concesións.
Ademais das axudas á rehabilitación de edificios residenciais, o Concello do Porriño prevé investir arredor de 102.000 euros na mellora e urbanización da contorna, reforzando así unha intervención integral en Torneiros orientada á súa humanización e revitalización que se complementará con outros proxectos futuros de mellora anunciados xa nas últimas semanas, e que se enmarcan no Plan Extra de Deputación e no PAI beneficiario de fondos europeos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “aínda hai unha cantidade moi importante de fondos dispoñibles e queremos que cheguen directamente á veciñanza. Esta convocatoria é unha oportunidade real para mellorar as vivendas, reducir o consumo enerxético e revalorizar os edificios”.
O rexedor engadiu que “o Concello está a acompañar a todas as comunidades durante todo o proceso, que foron notificadas, ofrecendo o asesoramento técnico e xurídico que precisen para facilitar a tramitación das solicitudes e garantir que ninguén quede fóra por falta de información”.
O prazo para solicitar estas axudas permanece aberto ata o 31 de xaneiro de 2026, polo que desde o Concello anímase ás comunidades de veciños de Torneiros a informarse e presentar solicitudes. Para iso, están á súa disposición os servizos técnicos e xurídicos municipais e a Oficina Municipal de Vivenda, que ofrecen atención personalizada durante todo o proceso.
“O noso obxectivo é claro: aproveitar o 100 % dos fondos dispoñibles e seguir transformando Torneiros nun zona máis eficiente, accesible e con maior calidade de vida”, concluíu Alejandro Lorenzo.

