- O Festival de Cans recibirá o Premio Antonio Palacios á Cultura polo seu compromiso coa identidade, a creatividade e a dinamización do rural
O Porriño, 9 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de anunciar o primeiro dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio á Cultura, que este ano será outorgado ao Festival de Cans, un evento singular que, ano tras ano, transforma a parroquia porriñesa no epicentro do cinema galego e da vangarda cultural.
O Premio Antonio Palacios á Cultura honra a aquelas persoas e entidades que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as tradicións culturais ao tempo que fomentan a innovación artística. Desde escritores e músicos, ata artistas visuais e docentes, este galardón recoñece o traballo daqueles cuxa obra une comunidades e transcende fronteiras. Na súa primeira edición, o premio foi concedido ao histórico Almanaque Agrícola ZZ, en recoñecemento ao seu valor simbólico, editorial e cultural dentro da memoria colectiva galega.
Nesta segunda edición, o recoñecemento irá para o Festival de Cans por ser unha iniciativa cultural única e profundamente enraizada na nosa identidade, que combina vangarda, participación veciñal e creatividade.
“O Festival de Cans non só é cine: é memoria, é orgullo de pertenza e é unha mostra de como a cultura pode dinamizar o rural e proxectalo internacionalmente”, subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Engadiu ademais que “é de xustiza poñer en valor o seu impacto sostido no tecido social, artístico e económico do noso concello. Cans representa un modelo exemplar de cultura participativa, feita dende o local pero con capacidade para emocionar e conectar a nivel global”.
Con máis de dúas décadas de traxectoria —a súa primeira edición celebrouse no ano 2004—, o Festival de Cans consolidouse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, destacando pola súa capacidade de mesturar talento emerxente, humor, emoción e compromiso coa contorna. A súa evolución constante e a implicación da veciñanza fan del un modelo único de xestión cultural.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, destacou que o Festival de Cans “é moito máis ca unha cita cinematográfica: é un referente indispensable na nosa axenda cultural e un motor de dinamización para o Porriño”.
O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local.
O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.