• Paz e Gráficas Bolfer recibirán o Premio Antonio Palacios á Empresa polo seu compromiso coa calidade, a innovación e o desenvolvemento local

O Porriño, 11 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño continúa desvelando os nomes dos galardoados na II edición dos Premios Antonio Palacios, que se entregarán este sábado nunha gala especial. O Premio á Empresa será outorgado conxuntamente ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, dúas entidades fundamentais no tecido económico do municipio.

O galardón recoñece o papel destas dúas imprentas como referentes do sector gráfico, cunha traxectoria que combina tradición familiar, innovación tecnolóxica e compromiso co Porriño. Ao longo das décadas, ambas empresas souberon evolucionar sen perder a súa esencia, apostando pola calidade, a adaptación aos novos tempos e o servizo á comunidade.

“Paz e Bolfer representan o espírito emprendedor e resiliente do Porriño. Son empresas que naceron aquí, medraron aquí e seguen contribuíndo cada día ao progreso da nosa vila. Este premio é tamén un recoñecemento á industria local que crea valor, emprego e identidade”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Premio Antonio Palacios á Empresa está destinado a destacar o labor de persoas, compañías ou proxectos que teñen un impacto positivo e sostido no desenvolvemento económico e social da contorna. Neste caso, a distinción pon o foco nun sector —o gráfico— clave na historia moderna do Porriño, e que continúa a ser símbolo de profesionalidade, creatividade e compromiso co territorio.

O Concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, engadiu que “estas imprentas son moito máis ca negocios: son parte da memoria viva da vila. Co seu traballo silencioso, teñen contribuído a contar a nosa historia, a dar forma a ideas e a impulsar centos de proxectos culturais, educativos e empresariais. Este recoñecemento era necesario e merecido”.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado e reunirá a representantes do mundo da cultura, da empresa, da ciencia, do deporte e da sociedade civil, nun evento que quere poñer en valor o talento, a identidade e a excelencia local.

Nos vindeiros días, o Concello continuará anunciando os dous galardoados restantes desta segunda edición, consolidando estes premios como referente de recoñecemento ao talento e ao orgullo porriñés.