- O alcalde Alejandro Lorenzo presenta as tres grandes liñas de actuación do goberno municipal para os vindeiros anos. Os terreos están localizados no centro urbano e en Torneiros e suporán a creación de 80 novos fogares
- A atención ás persoas maiores e o saneamento integral son as outras dúas prioridades
O Porriño, 11 de agosto de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou esta mañá nun encontro informativo cos medios de comunicación as principais liñas de actuación que dende o Concello se pretenden levar a cabo nos vindeiros anos 2026 e 2027, centradas na posta en marcha dun ambicioso programa de vivenda protexida, a construción dunha residencia de maiores e un novo centro de día e o avance decidido nas obras para acadar o saneamento integral.
Dende fai máis de 20 anos non se impulsou ningún proxecto de vivenda protexida no Porriño e, sen embargo, a poboación non deixou de medrar, pasando dos 16.000 habitantes hai dúas décadas aos máis de 21.000 na actualidade. A posta a disposición de tres parcelas municipais que suman máis de 3.000 metros cadrados e que suporán a creación de aproximadamente 80 vivendas protexidas foi o primeiro dos temas a tratar. O alcalde anunciou a localización de cada un destes terreos no casco urbano e na parroquia de Torneiros, máis concretamente “na rúa Fernández Areal en conexión con Antonio Palacios; en Domingo Bueno, na contorna da Capela da Guía, e entre os polígonos tres e cinco de Torneiros”. Unha oferta que ben seguro terá unha rápida resposta se se teñen en conta as 738 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida, incluídas aquelas que escollen O Porriño como concello secundario. “Este dato unido tamén ao da alta taxa de natalidade fan do Porriño un municipio con gran demanda de vivenda e dende o Concello queremos transmitir a todas esas persoas interesadas que estamos xa en marcha para a promoción da creación de novas vivendas. O Porriño vai garantir que vivir aquí sexa unha opción real, non un luxo”, incide o rexedor. Neste sentido, explicou tamén que dende o Concello “estudaremos posibles axudas e bonificacións para a construción e o acceso a este tipo de vivenda”.
A maiores deste solo municipal enmarcado no Programa de Oferta de Solo de Entidades Locais que facilita que a Xunta de Galicia promova vivenda protexida en terreos municipais, o municipio dispón duns 45.000 metros cadrados para destinalos á posible construción de vivendas, “que podería ser tanto para venda como para aluguer”, puntualiza Lorenzo. As parcelas dispoñen de condicións urbanísticas favorables e licenza directa, o que permitirá reducir prazos e iniciar os proxectos de forma áxil.
Dous novos centros para dar resposta ao envellecemento activo da poboación
A segunda das prioridades presentadas por Alejandro Lorenzo foi a atención ás persoas maiores, a través de dous proxectos estratéxicos que combinan a recuperación de espazos públicos con valor social coa creación de novos servizos de proximidade. O primeiro é o proxecto de construción dun novo Centro Residencial de Maiores en Budiño. Cun orzamento estimado de 1,2 millóns de euros, construiríase nunha parcela municipal de máis de 4.000 metros cadrados situada en Budiño e disporía dunha capacidade para 24.
Pola súa parte, o novo Centro de Día será froito da rehabilitación da antiga escola unitaria do Covelo, na parroquia de Atios. Terá capacidade para unha vintena de usuarios e contará cun investimento de 420.000 euros, cofinanciado pola Xunta de Galicia.
“Ambas iniciativas, cuxos proxectos iniciamos xa en 2023, responden a un modelo de coidado máis humano, próximo e de calidade, que dignifica a atención ás persoas maiores e á vez, no caso do centro de día, dá unha segunda vida a edificios históricos en desuso. O Porriño ten hoxe máis de 4.000 persoas maiores de 65 anos e estes dous centros permitirán que moitas delas poidan seguir vivindo preto das súas familias, coa atención que precisan e merecen. Apostamos por un modelo que combina calidade asistencial e arraigo no territorio”, sinalou o alcalde.
Saneamento integral en todas as parroquias
A terceira liña de actuación que tratou o rexedor no encontro foi o saneamento presentada polo alcalde foi o saneamento, asegurando que dende o goberno local “trabállase sen descanso para acadar o obxectivo do saneamento integral, marcado tamén dende o Consorcio Augas do Louro”, o cal el mesmo preside. Dende 2022 o Concello leva investidos máis de 3,5 millóns de euros nesta materia, “cando accedemos ao goberno marcamos como prioritario a redacción de todos os proxectos pendentes e así coñecer de primeira man a situación real. Con todo elo xa elaborado, a día de hoxe quedan por executar obras por importe total de 16 millóns euros, para o cal iremos avanzando con medios propios e a través de fondos doutras administracións, seguindo a nosa folla de ruta inicialmente establecida, clara, técnica e realista”.
Actualmente está en execución a obra de Picouzo, en Budiño, cun investimento de 380.000 euros e están xa licitadas outras dúas actuacións, unha en Sobral–Eiriz, tamén en Budiño, cun orzamento de 344.000 euros, e a conexión entre Seixo, en Torneiros, e Arrotea, en Pontellas, que suporá un investimento próximo aos 200.000 euros.