• Publicadas as bases da nova convocatoria: o prazo para presentar solicitudes xa está aberto e rematará nun mes 

O Porriño, 6 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coas parroquias publicando unha nova liña de axudas destinada ás comunidades de usuarios de auga, reforzando así o compromiso coa mellora das infraestruturas básicas e o benestar da cidadanía. As traídas do municipio poderán beneficiarse destas achegas ás que se destinarán un total de 175.000 euros. Desta contía, 95.000 euros estarán destinados á liña de mantemento de instalacións e 80.000 euros á liña de investimentos, mantendo o incremento realizado na anterior convocatoria, cando se duplicou o orzamento nesta última partida.

Dúas liñas de axuda: mantemento e investimentos

A primeira liña, enfocada ao mantemento, ten como obxectivo financiar a contratación de obras de reparación e a substitución de redes de distribución sempre que estas non superen os 50 metros lineais. Ademais, cubriranse gastos relacionados coas analíticas de control sanitario e cos traballos de mantemento e conservación nos sistemas de captación de auga, almacenamento, potabilización e distribución.

A segunda liña de axudas está destinada á execución de obras de investimento en instalacións que sexan propiedade das comunidades ou sobre as que teñan dereito de uso. Neste caso, inclúese a substitución de redes de distribución cando se superen os 50 metros de lonxitude.

Tamén serán subvencionables os gastos derivados da adaptación ao protocolo de autocontrol do abastecemento, en consonancia co programa de vixilancia sanitaria da auga de consumo da Delegación de Pontevedra da Consellería de Sanidade. Igualmente, cubriranse os custos derivados da elaboración do protocolo sanitario e os relacionados coa inscrición no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC).

  • Accede ás bases pinchando na seguinte ligazón: 

BASES CONVOCATORIA AXUDAS COMUNIDADES DE AUGAS

Contías e condicións da axuda

Cada comunidade poderá optar a un máximo de 8.000 euros por cada liña de axuda, podendo alcanzar os 12.000 euros no caso de solicitar apoio en ambas as liñas. En ningún caso a contía total subvencionada poderá superar o 80 % do custo total do proxecto presentado.

O concelleiro Marcos Martínez, anunciou que as bases reguladoras xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e que o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante un mes. Tamén lembrou que as comunidades interesadas poden contactar co Concello para solicitar información ou resolver dúbidas.

Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta convocatoria sinalando que “é fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só mellorarán a calidade da auga, senón que tamén contribuirán ao benestar de toda a veciñanza ao contar cun abastecemento seguro”.

Cómpre lembrar que o ano pasado concedéronse as axudas por importe íntegro, evidenciando o interese e a boa xestión das comunidades solicitantes.

Desde o Concello do Porriño faise un chamamento ao uso responsable da auga, especialmente nesta época de seca, tanto pola importancia de preservar este recurso como pola necesidade de garantir a súa calidade sanitaria.